A Cidade da Cultura foi na tarde do sábado 6 de maio un fervedoiro de ideas e recursos arredor da Internet e de como é posible construír tecnoloxías dende abaixo, en todo o sentido da expresión: dende as xeracións máis temperás e dende a base mesma da Sociedade do Coñecemento. Asemade, falouse e moito das cousas que podemos pór en xogo para termos as experiencias máis frutíferas e seguras coas novas tecnoloxías, alén de calquera tipo de risco derivado dun mal uso (propio e dos demais). Referímonos á terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, que se celebrou na tarde do 6 de maio da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A xuntanza, informaron as entidades organizadoras, mesturou obradoiros tecnolóxicos para os rapaces (máis de 80) e unha charla de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017.
Asistiron á presentación da xornada a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Súarez, quen previamente visitaron os talleres organizados para os máis pequenos. Máis de 80 rapaces de entre 8 e 14 anos de idade reuníronse no Edificio CINC para participar nos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey coa ferramenta de programación Scratch.
Mar Pereira, na súa intervención, avogou por un uso racional das novas tecnoloxías que permita que lles tiremos o máximo proveito. En termos concretos, fixo saber que “as vantaxes das TIC están fóra de toda dúbida”, sempre que o seu uso se faga de xeito responsable. Segundo engadiu, os adolescentes son especialmente sensibles aos novos problemas asociados ao uso da Internet e das redes sociais, o que os converte en vítimas doadas e propicias para os ciberacosadores. Pereira salientou que este xeito de abordar a problemática en colaboración con todos os axentes implicados (colectivo educador, nais, pais, menores e profesionais do eido tecnolóxico), é a filosofía de iniciativas como Rapaciñ@s.
Pola súa banda, o máximo representante dos enxeñeiros en Informática deulle as grazas á directora da AMTEGA polo apoio “constante no tempo” que lle brinda a Administración autonómica ás iniciativas que organiza o CPEIG. Suárez Lorenzo recalcou que moitas delas “repercuten, coma é o caso de hoxe, na sociedade en xeral, proxectando a imaxe do Colexio fóra das lindes estritas da nosa profesión e contribuíndo ao desenvolvemento da Sociedade da Información”.
A xuntanza na Cidade da Cultura complementouse co relatorio dun referente en materia de formación e motivación tecnolóxica no eido da nenez e da adolescencia. Falamos de David Calle, que na súa charla Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases, volveu compartir as súas metodoloxías para axudar ás nenas e nenos (e ás nais e aos pais) no seu camiño cara ao máis óptimo desenvolvemento persoal das súas capacidades (Calle é un férreo defensor da teoría cada vez máis aceptada de que o talento tecnolóxico e investigador está presente en todos e cada un de nós). O relator, de feito, fixo un percorrido pola súa experiencia como creador de Unicoos.com, organización educativa sen ánimo de lucro amais dun sitio web de divulgación e motivación investigadora e científica, que está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.
Na súa intervención apostou por “darlles a todas e todos as mesas oportunidades para desta maneira o mundo teña unha oportunidade”. Tamén fixo un chamamento a prol da diversidade, facendo fincapé en que “o que nos fai diferentes é precisamente o que nos dá valor”. Tamén guindou ao público o seguinte consello: “Loitade sempre por ser todo o mellores que poidades chegar a ser, calquera cousa que fagades pode ser insignificante, pero é moi importante que a fagades”.
Á parte do gran evento celebrado o 6 de maio, o programa Rapaciñ@s percorrerá diferentes localidade des Galicia nos vindeiros meses con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Nestas actividades, familias e tamén docentes atoparán información e recursos de interese ao mesmo tempo que as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.
Máis de 80 nenos participaron na terceira edición de Rapaciñ@s
Compartir Este Artigo
