
O xurado está composto por Manolo González, María Lado, Manuel Núñez Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa. Youtubeir@s, como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros en premios-
Os vídeos que se presentaron ao certame tiveron unha duración máxima de 5 minutos, estaban licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría) e foron producidos en galego e habilitados na rede social YouTube.
As dúas categorías foron Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e, igualmente, asignaranse catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s, en palabras das ditas entidades, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”.
A primeira edición de Youtubeir@s recibiu finalmente preto de 200 vídeos
Compartir Este Artigo
