Nos últimos meses a guerra polos contidos audiovisuais non se centra só en conseguir os dereitos de canles en concreto, de series de televisión ou de retransmisións deportivas, senón que os distintos operadores tamén quixeron dar un importante pulo ás novas resolucións, aproveitando que xa hai un bo número de televisores de ultra alta definición que están claramente infrautilizados. Así, Vodafone estreou un descodificador 4K hai uns meses, de xeito que agora é posible gozar dun novo TiVo que tamén abre á porta a contidos baixo demanda en 4K e a plataformas como Netflix e HBO.
Paralelamente Vodafone xa iniciara a introdución do 4K nos locais de hostalaría, coa vista posta nas retransmisións deportivas, e nesta mesma liña vén de anotarse un bo tanto, xa que o operador de orixe británica está a conseguir manter a dianteira no 4K e así vén de pechar un acordo con beIN SPORTS para ter en exclusiva a final da UEFA Champions League 2016-2017 en ultra alta definición, encontro deportivo que contará con participación española.
O partido en cuestión será retransmitido o sábado 3 de xuño ás 20:45 horas, e aínda que ofrecerase a través de varias plataformas, a exclusiva do seu sinal 4K en España será de Vodafone, o que demostra certa confianza do operador en que este nivel de calidade é un importante reclamo para a audiencia.
ACTUALIZACIÓN (9-5-2017): Movistar vén de comunicar que tamén emitirá a final da Champions en 4K, aínda que a recepción só será posible para posuidores de televisores 4K conectados da marca Samsung a través da aplicación Movistar+ Ready..
