A publicación de contidos en Instagram está ligada historicamente á súa aplicación móbil, resultando bastante complexa, por exemplo, a publicación dende equipos informáticos (aínda que actualmente a aplicación oficial para Windows 10 permite publicar dende ordenadores con pantalla táctil), pero a dependencia da aplicación oficial está a diluírse, de xeito que as persoas que non teñan o seu móbil a man ou que non teñan espazo para instalar a aplicación no seu dispositivo poden agora recorrer directamente á versión móbil da web de Instagram, tanto para explorar e interactuar cos contidos como incluso para a súa publicación.
Inicialmente Instagram só tiña a súa páxina web como unha canle para que os seus contidos puidesen compartirse en liña, contando cun nivel de interacción moi limitado, pero na súa versión móbil vén de experimentar importantes melloras e, aínda que polo momento non conta con filtros, a publicación de vídeos, a administración de mensaxes directas ou a visualización de historias, si conta coas súas funcionalidades básicas, o que agradecerán especialmente os usuarios de smartphones moi limitados (ou con conexións de banda larga móbil lentas ou caras). Deste xeito, os mesmos usuarios que habitualmente instalan Facebook Lite e Messenger Lite poden agora desinstalar a aplicación de Instagram e recorrer directamente á súa páxina web dende o móbil para compartir as súas instantáneas en tal plataforma, aínda que de facer tal estarían dicindo adeus a moitas das funcionalidades que se incorporaron nos últimos meses.
Tamén pode resultar interesante o feito de que dende equipos informáticos sen pantalla táctil pódense agora publicar imaxes de xeito doado en Instagram cargando a versión móbil da súa páxina web.
A web móbil de Instagram xa permite a carga de imaxes
Compartir Este Artigo
