O vindeiro 27 de maio a nosa rapazada ten unha cita de primeira coa ferramenta Scratch, un recurso de vantaxes máis que demostradas para servir de porta de entrada á programación e moi acaido para dar forma a historias interactivas, xogos e animacións. A cita será na Cidade da Cultura e vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática Técnica de Galicia (CPETIG) e da axencia AMTEGA. Trátase dunha nova edición do Scratch Day, dirixido a escolares de entre 7 e 15 anos (acompañados polas súas nais e pais). O obxectivo, sinala o CPEIG, é “difundir os valores da programación informática entre os nenos, as súas familias e os seus formadores”. A fórmula que se vai empregar será unha vez máis a do lecer e ao divertimento. Ou sexa, a de aprender xogando.
“Os participantes”, engade o colexio que preside Marcos Mata, “poderán acceder ao mundo da programación de maneira lúdica, tomando conciencia do potencial desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento”. A maiores, o CPETIG quere contribuír a tirar abaixo estereotipos e ideas preconcibidas en materia de desenvolvemento informático e en cuestión de xénero e tecnoloxías. “O que queremos é axudar a superar desde a nenez os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e combatendo a fenda dixital”.
O CPETIG concibe esta formación no contexto da familia por considerar “decisiva” a implicación dos pais e as nais neste ámbito, “como apoio e motivación para que máis pequenos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar”.
Durante a xornada do 27 de maio levarase a cabo, de xeito paralelo, unha acción formativa en Scratch destinada a persoas adultas, interesadas en adquirir métodos para impartir formación en programación para escolares.
A sesión estará adicada á programación de robots, sendo preciso que os asistentes estean familiarizados coa contorna de Scratch e leven o seu portátil, xa que non serven tabletas ou smartphones. A formación do Scratch Day será impartida por Código Octopus, unha plataforma de recursos en galego ao servizo do profesorado que desexe introducirse na programación para a docencia.
O Scratch Day do CPETIG lánzase a derrubar barreiras entre nenez e programación
Compartir Este Artigo
