
A devandita operación foi aprobada por unanimidade polo Consello de Administración de Euskaltel e culminará o seu proceso trala ratificación na vindeira xunta de accionistas do grupo, máis a aprobación por parte das autoridades de competencia. En palabras de Euskaltel, “estamos ante un importante fito na historia das compañías e do propio sector, unha operación que significa a creación do operador converxente de fibra óptica líder no norte estatal dentro do mercado das telecomunicacións español”. Asemade, a compañía vasca non dubida en afirmar que a alianza formalizada estes días fornece ao Grupo Euskatel, e tamén a cada unha das marcas que o integran, “de meirandes fortaleza, eficacia e capacidade de medre, nun sector de gran competencia”.
En termos máis concretos de servizos e de clientes, a alianza resultante abranguerá un mercado de 6 millóns de persoas (un 20% máis), prestando 2,4 millóns de servizos diarios a máis de 800.000 clientes, cun cociente de penetración do 67%.
Euskaltel tamén lembra que a suma do tres mercados nos que opera o grupo (Euskadi, Galicia e Asturias) representa o 12,76% da poboación e o 13,34% do PIB do conxunto do Estado. No que atinxe ao eido financeiro, a operación saldaríase cunha suba de ingresos ata os 711 millóns de euros (+24%), cun EBITDA (beneficio bruto de explotación antes de deducir os gastos financeiros) de 346 millóns de euros (+23%).
Segundo engade Euskaltel, a operación, coma no caso de R, non vai implicar a desaparición da marca Telecable nin dos seus traballes. En palabras do grupo, a fronte resultante manterá o carácter local de Euskaltel, de R e de Telecable en Euskadi, Galicia e Asturias respectivamente, “o que se traduce na continuidade das súas marcas e equipos profesionais”.
Máis cifras
O valor de Telecable acordado foi de 686 millóns de euros, incluíndo 245 millóns de euros da súa débeda estimada a 30 de xuño de 2017 (que será refinanciada por Euskaltel), cunha contraprestación de 186,5 millóns de euros en efectivo e 26,8 millóns de accións ordinarias de nova emisión que serán subscritas por Zegona a un prezo de 9,5 euros por acción (254,6 millóns de euros), o que representa o 15% do capital social de Euskaltel tras a ampliación de capital, que terá que ser aprobada pola próxima xunta xeral de accionistas.
Euskaltel adquire Telecable e afianza a súa arela de crear o gran grupo de cable do norte de España
Compartir Este Artigo
