O IGAPE, a través do seu programa Re-Acciona (destinado a capacitar ás nosas PEME perante os novos retos de mercado), vai organizar o vindeiro 6 de xuño unha xornada directamente encamiñada a equiparnos e adestrarnos (dixitalmente e con todo tipo de recursos) de cara a un mercado cada vez máis competitivo. A cita Empresa en movemento, capacitación para a competitividade empresarial celebrase na Cidade da Cultura de Santiago e contará coa participación dun completo elenco de expertas/os en materia de claves, tendencias, experiencias e axudas públicas para axudar ás nosas PEME no seu día a día.
En palabras da organización de evento, o “obxectivo é apoiar ás empresas en movemento, aquelas que son quen de atender ao mercado, de adaptarse aos cambios e, en definitiva, de ser competitivas a través das novas tecnoloxías da información e a innovación aplicada”.
O programa de actividades dará comezo ás 10.00 cun acto de inauguración a cargo de Juan Cividanes, director xeral do IGAPE. A continuación será a quenda de Marta Rivas, responsable comercial para o sur de Europa da multinacional IBM, quen falará de tecnoloxía e innovación e do seu impacto na competitividade empresarial. Ás 11.00 procederase a presentar os resultados de Re-Acciona para o período 2012-2016 e máis os apoios públicos para xerar empresas en movemento (a cargo de José Manuel Fernández García, xerente do IGAPE).
Logo dunha pausa para o café, desenvolverase unha mesa redonda sobre claves e experiencias (moderada por Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE) con Antonio Cantalapiedra (impulsor de Balandra Software, MadeinMobile e MyTaxi) e con presentacións de casos de éxito galegos a cargo de Silvia Chousa (responsable de Administración Empresa de Abastecementos Comerciais Chousa Lameiro) e José Manuel Quintana Álvarez (director xeral de Nor Rubber). A clausura do encontro correrá a cargo do consellería de Economía, Francisco López, arredor das 13.15 horas.
Para confirmar a nosa asistencia ao encontro temos que contactar coa organización vía comunicacion.reacciona@igape.es ou ben a través do teléfono 986 419 922.
A xornada desenvólvese no marco do Programa Re-acciona, centrado na mellora das capacidades das empresas e que conta co apoio da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Máis sobre Re-Acciona
No ano 2012 o IGAPE puxo en marcha a primeira edición do programa Re-acciona, con once servizos de mellora da competitividade empresarial, e que na actualidade se atopa na súa terceira edición. Dende o ano 2012 ao 2017, participaron dentro deste programa máis de 800 empresas (PEME, autónomos, emprendedores…), puxéronse en marcha máis de 1.400 servizos de mellora competitiva e participaron máis de 220 bolseiros.
O pasado 2015, grazas á colaboración entre o IGAPE e a AMTEGA, púñase en marcha un novo programa, o Re-acciona TIC, baseado na filosofía do principal, cuxa primeira edición se iniciou en setembro de 2016. Este programa está centrado na mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC (centrados, pois, nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
O IGAPE convoca ás nosas PEME para pórse en movemento en materia de innovación e competitividade
Compartir Este Artigo
