Finalmente celebrouse este 6 de xuño, no Edificio CINC da Cidade da Cultura, a Xornada Empresa en movemento: capacitación para a competitividade empresarial, que avanzamos os días pasados dende Código Cero salientando as posibilidades que achegaba para optimizar e actualizar as nosas follas de ruta produtivas. Na sesión, organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica ao abeiro dos seus programas Re-acciona e Re-acciona TIC, participaron representantes das empresas IBM e Balandra Software, amais de PEME da nosa terra que se viron beneficiadas polos devanditos programas.
O evento comezou cunha inauguración institucional por parte de Juan Cividanes, director do IGAPE, para despois dar paso aos diferentes relatorios, todos eles relacionados coa competitividade empresarial e a súa estreita relación coa tecnoloxía e a innovación como instrumentos de axuda para alcanzala. Na clausura participou o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Logo da presentación de Cividanes, deu comezo o relatorio A tecnoloxía e a innovación, impacto na competitividade empresarial, a cargo de Marta Rivas, de IBM, quen salientou a importancia que está a cobrar a chamada “hiperconectividade” e como esta “pode ter un grande impacto social, axudando ao desenvolvemento da nosa vida cotiá”. De seguido foi a quenda de presentar os apoios públicos para xerar empresas en movemento por parte de José Manuel Fernández García, xerente de IGAPE IP, quen destacou os resultados do programa Re-acciona.
A segunda parte da xornada comezou coa mesa redonda sobre Como sermos competitivos? Claves e experiencias, moderada por Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE, na que falou Antonio Cantalapiedra, de Balandra Software e MadeinMöbile, quen salientou “a importancia de optimizar os procesos e as transaccións nas empresas mediante a dixitalización”.
De xeito complementario déronse a coñecer exemplos de boas prácticas ao abeiro dos recursos de Re-acciona, da man de Silvia Chousa, responsable de administración de Abastecementos Comerciales Chousa Lameiro, quen relatou a súa experiencia positiva co programa e as consecuencias deste na súa empresa grazas ao servizo de optimización financeira ofrecido por Arxón Estratexia.
A continuación, interveu o director xeral da empresa Nor Rubber, José Manuel Quintana, quen fixo un percorrido pola andaina da súa compañía, beneficiaria do programa Re-acciona TIC no servizo de simulación industrial. Segundo fixo saber, esta concorrencia no programa forneceu á empresa a posibilidade de optimizar a produción nunha das súas áreas.
O peche do acto correu a cargo de Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, quen salientou o papel dos organismos públicos como panca de axuda ao tecido empresarial, “xa que a través deste tipo de programas, como o Re-acciona, inténtase identificar cales son as necesidades das empresas e como orientalas a satisfacelas”.
Máis sobre Re-Acciona
No ano 2012 o IGAPE puxo en marcha a primeira edición do programa Re-acciona, con once servizos de mellora da competitividade empresarial, e que na actualidade se atopa na súa terceira edición. Dende o ano 2012 ao 2017, participaron dentro deste programa máis de 800 empresas (PEME, autónomos, emprendedores…), puxéronse en marcha máis de 1.400 servizos de mellora competitiva e participaron máis de 220 bolseiros.
O pasado 2015, grazas á colaboración entre o IGAPE e a AMTEGA, púñase en marcha un novo programa, o Re-acciona TIC, baseado na filosofía do principal, cuxa primeira edición se iniciou en setembro de 2016. Este programa está centrado na mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC (centrados, pois, nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
O IGAPE mostra nunha xornada as cousas que podemos facer para sermos máis competitivos
Compartir Este Artigo
