Do 15 ao 17 deste mes de xuño a Fundación Barrié de La Maza, da Coruña, converterase nun punto de encontro de expertos en análise estatística de datos funcionais chegados de diferentes recantos do mundo. Trátase da cuarta edición da xuntanza de traballo IWFOS (International Workshop on Functional and Operational Statistics). Este evento comezou en 2008, promovido polo grupo STAPH de Toulouse, co obxectivo de traballar arredor das principais tendencias nas áreas das estatísticas funcionais a través do intercambio de ideas e a colaboración entre investigadores internacionais.
O congreso, que se celebra cada tres anos, pasou por Toulouse en 2008, Santander en 2011, Stresa en 2014, e agora chega á Coruña incluíndo no seu programa unha aproximación directa ao tratamento estatístico de datos de gran volume (Big Data). A edición galega da xornada contará coa colaboración do CITIC, o Centro de Investigación TIC con sede no Campus da Coruña.
Por certo que esta nova entrega do IWFOS estará adicada á memoria do profesor recentemente falecido Peter Gavin Hall, quen, segundo Germán Aneiros, organizador do congreso, “era recoñecido como un dos mellores estatísticos vivos do mundo”. De feito, a pegada das súas contribucións científicas no eido da análise de datos funcionais estará presente en moitas das achegas que se exporán en IWFOS 2017.
A cita contará coa presenza activa da investigadora Paula Raña, da Universidade da Coruña.
Tamén intervirán John Aston (Universidade de Cambridge), Alexander Aue (Universidade de California), Antonio Cuevas (Universidade Autónoma de Madrid), Aurore Delaigle (Universidade de Melbourne), Jeff Goldsmith (Universidade de Columbia), Stephan Huckemann (Universidade de Göttingen), Alicia Nieto-Reyes (Universidade de Cantabria), Víctor Panaretos (Escola Politécnica Federal de Lausanne) e Laura Sangalli (Politécnico de Milán). Igualmente, participarán como co-relatores Germán Aneiros (Universidade da Coruña), Enea Bongiomo (Universidade do Piamonte Oriental), Ricardo Cao (UDC) e Phillipe Vieu (Universidade de Toulouse).
Segundo informa o CITIC, as edicións anteriores do obradoiro coinciden coa temática a tratar nesta nova convocatoria, ou sexa a análise de datos funcionais e estatísticas operacionais. Serán cinco sesións repartidas en pouco máis de dous días.
IWFOS 2017 conta con convidados de diferentes partes do mundo (desde Australia ata España, pasando por Reino Unido, EE UU, Alemaña, Suíza e Italia) e co apoio da Universidade da Coruña e o seu Grupo Modes, a Universidade Franco-Italiana, o CITIC, o Instituto de Matemáticas de Toulouse, a Fundación Barrié, Springer e as sociedades SGAPEIO, SEIO e ISNPS.
Expertos en tecnoloxías de análise estatística xúntanse esta semana na Coruña
Compartir Este Artigo
