
Con esta teoría, Gardner quixo achegar un contrapeso ás correntes maioritarias que defendían a existencia dunha intelixencia única, e que esta intelixencia era o recurso principal que podía resultar de interese para unha empresa. Pola contra, os traballos de Gardner defenderon a existencia de diferentes talentos: oito tipos distintos de intelixencias. Segundo fixo saber, non existe un único talento no ser humano, senón unha diversidade de destrezas de compresión e comportamento que marcan as potencialidades de cada individuo, artellados polas fortalezas e tamén polas súas feblezas, e todo isto nunha “serie de escenarios de espallamento da intelixencia”.
Os obxectivos do curso serán os seguintes: identificar as claves do enfoque das intelixencias múltiples (IM), recoñecer o valor do coñecemento das capacidades relacionadas ás distintas intelixencias para determinar perfís profesionais, avaliar algúns tipos de desenvolvementos profesionais en relación coas ditas facultades mentais, valorar a utilidade dos indicadores de desenvolvemento IM para o coñecemento e a análise en currículos e entrevistas.
O obradoiro está dirixido a profesionais de recursos humanos, directivos, xerentes e directores de proxectos que desexen afondar nas intelixencias múltiples.
O curso ten unha duración de oito horas, a impartir nunha xornada cun enfoque eminentemente práctico. As sesións levaranse a cabo o venres 23 na Coruña, en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Amparo Escamilla González, doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Amparo é directora do equipo Proxectos Pedagóxicos e co-directora dos másteres de intelixencias múltiples (Infantil, Primaria e Secundaria) na Universidade de Alcalá (UAH). Entre os seus fitos profesionais áchase o desenvolvemento dunha estratexia (5GTIM) integrada por un conxunto de técnicas de pensamento que, fusionadas con contidos, estimulan as nosas diversas capacidades cognitivas e mentais. Esta estratexia estase a integrar en máis de 450 centros de Infantil e cunha selección de técnicas puntuais, en Primaria e Secundaria. Amparo interveu en máis de medio milleiro de accións formativas relacionadas coas devanditas temáticas.
Vitae introdúcenos na teoría das intelixencias múltiples dende unha óptica empresarial
Compartir Este Artigo
