A Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación de CeMIT-Innova, un proxecto para o impulso na nosa terra da tecnoloxía feita directamente para mellorar a calidade de vida das persoas, tecnoloxía que pode ser de lucro ou non pero que sempre ten presente o ben social dun colectivo. Na xornada, que veu da man de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e Fundetec, amosáronse os detalles do dito proxecto, que en palabras dos seus responsables “busca afianzar en Galicia a Innovación Social Dixital” e establecendo lugares axeitados para o diálogo e a colaboración desenvolvedores-cidadanía (e viceversa). Estes lugares serán, precisamente, as aulas da Rede CeMIT.
O encontro CeMIT-Innova foi inaugurado por Mar Pereira, directora de AMTEGA, que lembrou que en Galicia se están a facer moitas cousas en materia de innovación social dixital, pero que aínda queda treito por percorrer, aínda que o potencial é grande e a actividade xerada ata o de agora moi prometedora. En Europa, dixo, existen uns 6.000 proxectos desta índole. Deles, 155 son españois, e algúns tan salientables como goteo.org. A intención de CeMIT-Innova, sinalou, é que haxa recursos accesibles e cen por cen dispoñibles para que nos consolidemos definitivamente como factoría TIC con vontade social. Para comezar, converterase a rede de aulas CeMIT en centros de operacións deste ámbito de traballo. Segundo a titular de AMTEGA, este tipo de innovación busca empregar as tecnoloxías para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego e ao benestar da cidadanía. “Son solucións e proxectos que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas da súa contorna e formulan posibles respostas”, explicou.
Logo de Mar Pereira, foi a quenda de Concepción Galdón, directora xeral de Puentes Global e coordinadora da Área 31, que é o espazo de innovación de IE Business School. A relatora comezou polo principio: “Que es innovación?” Segundo fixo saber, é un xeito de facer as cousas encamiñado a mellorar a realidade da nosa contorna, introducindo procesos ou produtos que sexan novos para quen o vai usar. “Innovar é facer algo diferente porque é mellor”, engadiu, e sempre co valor engadido do local. Para explicar o valor da innovación con compoñente local, dixo que non “dá igual que unha persoa faga innovación para nós dende unha oficina de vangarda en Nova York, a que o faga un desenvolvedor dende unha casa que linda cos fogares dos seus potenciais usuarios”. Entender isto, explicou, axúdanos a entender en que consiste a innovación social.
Segundo engadiu Concepción Galdón, innovación social pode ser un software ou unha aplicación (innovación social dixital) pero tamén pode ser un sistema para mellorar a distribución dun produto, os procesos de produción, as metodoloxías da mercadotecnia. Para comezar, explicou, este tipo de traballos e procedementos teñen a gran vantaxe, hoxe, de que están a disposición dunha gran cantidade de xente. Non é posible, sinalou, que non se poida facer hoxe en día innovación social TIC. Falou de proxectos exemplares de innovación social postos en marcha no mesmo centro do problema, en países e contornas xeográficas onde máis se precisan. Unha das iniciativas que salientou a relatora foi Results160, un sistema móbil habilitado en Zambia que informa ás nais por SMS dos resultados do test de VIH dos seus bebés. Ou Kiva, unha plataforma que dá créditos a emprendedores en países en desenvolvemento. Ou Malaria Spot, que é un xogo creado dende España que axuda a diagnosticar a malaria nos posibles doentes (a través de xogadores que son “cazadores de malaria” e cuxos beneficios axudan a loitar contra a doenza). Ou The Social Coin, que é unha comunidade sustentada sobre cadeas de favores.
Comunidade virtual
Volvendo a CeMIT-Innova, na xornada de hoxe fíxose saber que incluirá, entre outras cousas, a posta en marcha dunha comunidade virtual na que os responsables das aulas poderán compartir experiencias e formular proxectos concretos de innovación social, que servirán para seleccionar as 10 aulas que participarán no piloto do programa. Na segunda fase, as aulas elixidas participarán en obradoiros de traballo locais para detección de necesidades sociais da súa contorna que se poidan resolver con proxectos de innovación social dixital. A terceira etapa do camiño será a a etapa da aplicación das solucións definidas no ámbito local, a medición de resultados e a súa avaliación. O seguinte paso, sinala AMTEGA, será a elaboración dunha guía metodolóxica cos resultados da avaliación das propostas en 2015, e un manual uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. “Esta publicación”, sinalouse, “facilitará a a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en tirarlles partido”. Durante a andaina do programa os coordinadores das aulas CeMIT seleccionadas disporán do acompañamento e o asesoramento dun mentor experto en innovación social que servirá de apoio ás tarefas de detección, análise, deseño, posta en práctica e avaliación das iniciativas.
