A Biblioteca Concepción Arenal convértese en escenario para a presentación da plataforma Sanidade Mediaverso

luns, 27 de maio do 2024 S. P.

A Biblioteca Concepción Arenal de Santiago de Compostela é o sitio elixido pola Consellería de Sanidade para levar a cabo a presentación da plataforma Sanidade Mediaverso entre o alumnado universitario até o venres 31 de maio.
Indo á proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública, dicir que xorde para promover hábitos de vida saudábeis e que será presentada por responsábeis da Rede Galega de Saúde Pública e por integrantes da rede nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, da Coruña e Cee e de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Deste xeito, cada día, en horario de 10 a 13 horas, facilitarán no primeiro andar da biblioteca universitaria gafas de realidade virtual para probar a aplicación EnMovemento, coa que se poden practicar exercicios pensados para sesións de adestramento de 5 a 25 minutos, e que poden realizar tanto persoas maiores como a mocidade.
A través dunha pantalla e de códigos QR, tamén se achegará información sobre o resto de opcións que achega esta plataforma en catro eidos: a mencionada actividade física, a alimentación saudábel, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.
Engadir que na web están dispoñíbeis a aplicación Camiña, que permite sumar quilómetros e calcular a equivalencia a etapas do Camiño de Santiago, un planificador semanal de comidas para deseñar menús equilibrados e a listaxe da compra necesaria, unha selección de vídeos da natureza que facilitan a relaxación, ou recursos para difundir entre as familias a importancia de reducir o uso das pantallas para recuperar o xogo ao aire libre.