A CRTVG creará unha canle dixital educativa para Internet

mércores, 21 de marzo do 2018 Redacción

A CRTVG, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), creará unha canle temática dirixida á comunidade educativa non universitaria de Galicia. Esta acción encádrase dentro da Área de Innovación da CRTVG e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.
O acordo entre as dúas institucións inclúe tamén a creación dun modelo de análise de datos que procese o consumo e os comportamentos da mocidade galega ante os contidos audiovisuais dixitais e ante as novas tecnoloxías. O novo proxecto terá unha duración inicial de tres anos nos que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica necesaria para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela.
No seu desenvolvemento utilizaranse os modelos narrativos dixitais nativos que teñen o maior impacto no consumo audiovisual e multimedia da poboación infantil e xuvenil, como por exemplo as narrativas dos youtubers e dos influencers, ou das diferentes plataformas de vídeo baixo demanda que operan nos mercados internacionais, como emisións en directo de grandes eventos e conferencias con persoas de prestixio internacional. Tamén se incorporarán as novas tendencias no consumo audiovisual, como a incorporación de elementos creados con realidade aumentada ou con realidade virtual.
O proxecto contempla a creación de programas que poden ser emitidos en canles tradicionais coma a televisión ou a radio. Para iso incorporaranse á experiencia de usuario novidades como as segundas pantallas complementarias á formación con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten actualmente.

Eido educativo

Esta canle dixital, transmedia e interactiva, complementará o Programa Abalar de integración das TIC na práctica educativa de Galicia, e permitirá aos docentes e aos estudantes de primaria ou secundaria obter recursos audiovisuais baixo demanda relacionados cos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos.
Nesta nova canle, os dispositivos móbiles serán utilizados, fundamentalmente, como visualizadores avanzados de contidos multimedia que permiten aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo, como por exemplo a posibilidade de que o dispositivo móbil etiquete e describa monumentos de referencia en Galicia a través da realidade aumentada, ou de que se recreen sucesos naturais ou históricos a través da realidade virtual. No eido formativo preténdese, en definitiva, ofrecer a posibilidade dun modelo educativo envolvente, que permita achegar a información necesaria no momento no que sexa demandado tanto polo estudante coma polo profesor.

PUBLICIDADE