A CRTVG transformarase na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG)
luns, 29 de xullo do 2024
- O Consello da Xunta deu luz verde ao anteproxecto de lei
O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión de hoxe, o anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se someterá ao proceso de consulta pública para continuar a súa tramitación co obxectivo de que poida ser remitido ao Parlamento e iniciar a súa tramitación parlamentaria no derradeiro cuadrimestre do ano.
O novo texto responde á profunda transformación dixital que se está a producir nos medios de comunicación audiovisual que fai precisa unha constante innovación. A actual Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) non só xestiona canles de radio e televisión, senón que se ten transformado nunha plataforma de servizos de comunicación que precisa dunha actualización normativa.
A actual Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) pasará a denominarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), un concepto acorde coa súa acelerada transformación dixital, para ofrecer servizos diversos: comunicación sonora baixo demanda, televisión conectada ou calquera outro servizo de comunicación audiovisual que permitan os sistemas, redes e plataformas da Internet.
Paralelamente, este anteproxecto de Lei busca a adaptación da normativa autonómica a novo marco regulatorio estatal (a Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual) e europeo (Directiva de servizos de comunicación audiovisual e o Regulamento europeo sobre a liberdade dos medios de comunicación).
Produción propia e apoio ao sector audiovisual galego
A norma que máis adiante se remitirá ao Parlamento para a súa tramitación establece o impulso da produción propia dos programas, contidos e servizos. Serán en lingua galega, sen prexuÃzo do uso doutras linguas cando asà se xustifique para dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do noso territorio.
Os medios públicos autonómicos, contribuirán ao desenvolvemento do sector audiovisual galego para mellorar a súa achega á economÃa galega. Para tal fin, difundirán obras audiovisuais independentes realizadas en Galicia.
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ten a forma de sociedade anónima e o seu capital estará participado na súa totalidade e de forma directa pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Organización
Os órganos de goberno e administración da Corporación serán o Consello de Administración e a Dirección Xeral.
A candidatura da Dirección Xeral será formulada pola comisión parlamentaria correspondente (ante a que deberá comparecer), entre profesionais con recoñecido prestixio e experiencia no ámbito audiovisual e gobernanza corporativa. O seu mandato será de cinco anos renovables.
O procedemento de elección do director xeral iniciarase nos tres meses posteriores á entrada en vigor da Lei.
Un Consello Asesor de Participación Social e Profesional garantirá a presenza de representantes de practicamente todos os sectores da sociedade galega, incluÃdos os profesionais dos medios públicos.