A CTNL premia sete proxectos para afianzar o galego no dixital

luns, 13 de xuño do 2022 S. P.

A igrexa do Convento de Santa Clara en Pontevedra acolleu a semana pasada e entrega dos Premios Mil Primaveras, organizados pola Coordinadora de persoas Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL), en colaboración estreita coa Deputación de Pontevedra, co fin de recoñecer os esforzos por reivindicar o uso (e o futuro) do galego en todos os sectores e ámbitos, poñendo o foco nun plano que é decisivo para o seu devir: o plano tecnolóxico.
Na cita participou a deputada de Lingua, María Ortega, que mostrou a súa preocupación polo terreo que, segundo dixo, estamos a ceder a nivel dixital: “É preciso que salten alarmas cando os estudos revelan que o galego está a quedar fóra da revolución da intelixencia artificial e os datos masivos”.
Os premios, que chegaron á súa terceira edición, pretenden ser “unha ferramenta e unha plataforma para recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos que poñen en valor a lingua galega e divulgan boas prácticas que poden servir como modelos multiplicadores”.
Nesta edición resultaron premiados os proxectos CantáMOLA en galego como mellor proxecto novo, do Servizo de Normalización do Concello de Pontevedra; Twitter e Instagram en galego como premio á mellor comunicación e impacto; Diccionario galego para boomers como premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e mocidade, do IES Leiras Pulpeiro; o proxecto Media Laranxa de fomento do galego nun ámbito sectorial (a cociña); Somos Xogo por proxecto máis innovador, realizado por Xandobela. Educación e cultura; e Do berce á rúa, un proxecto estabilizado do Concello de Narón que busca impulsar a crianza en galego achegando recursos para a comunicación nas aulas e na casa.
No acto participaron a presidenta da CTNL Anxos Sobriño, quen agradeceu a” colaboración da Deputación para poñer en marcha e manter os premios para recoñecer os traballos de normalización que transmiten unha imaxe positiva do galego e difunden o traballo a prol da lingua”.
Tamén estivo presente o concelleiro de Pontevedra Demetrio Gómez, quen salientou “que é preciso rachar as estruturas de poder que impiden que o galego medre e reivindicou que o idioma do país debe ocupar o lugar que lle corresponde".
A deputada provincial de Lingua María Ortega deu os parabéns á CTNL pola organización e ás persoas recoñecidas pola a calidade dos traballos. Subliñou que as institucións deben ser conscientes de que "con falar galego non abonda para contribuír a defendelo" e insistiu na necesidade de destinar os máximos recursos de maneira transversal para poñer en valor a lingua.
Lembrou Ortega que “aínda que hai plataformas como Facebook ou Youtube e empresas como Apple ou Microsoft que ofrecen unha versión con soporte para o galego, moitas outras como TikTok, Twitch ou Adobe utilízano en versións non maioritarias ou con menor apoio”, habendo unha “falta extrema de apoio ao noso idioma” nos asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant ou Cortana.