A Cátedra CAMELIA entrega os seus premios literarios, que reuniron máis de 200 contribucións
xoves, 18 de xuño do 2026
A Cátedra CAMELIA USC-Plexus de Intelixencia Artificial e Medicina Personalizada e de Precisión celebrou este mércores 17 de xuño a entrega de premios e a lectura dos relatos gañadores do Certame Literario de Relatos sen IA, que conseguiu reunir máis de 200 propostas na súa primeira edición. Trátase, a xuízo do director da cátedra (e director científico do CiTIUS da USC), Senén Barro, dunha “nova iniciativa que impulsamos desde Camelia para abordar a IA desde unha perspectiva humanista”. Para Barro, “non hai nada máis humano que as palabras; e poñer palabras ao redor da IA e da súa aplicación en saúde, tamén é humanizala”, sostivo.
O primeiro premio foi para Do moi enxeñoso enxeño de José Antonio León Llorente, un relato de inspiración quixotesca que conecta a tradición literaria coa intelixencia artificial e a súa aplicación á saúde.
O xurado destacou que “cunha narrativa creativa e orixinal, o autor, un avogado cordobés que gañou diversos concursos de microrelatos, relatos breves e poesía, convida a reflexionar en clave de humor sobre o uso da intelixencia artificial na medicina”.
O segundo premio do certame foi para Protocolo preventivo, do alacantino afincado en Hellín (Albacete) Pablo Cánovas. Un relato que reflexiona sobre a inmersión da IA na vida cotiá e a súa capacidade de decisión sobre a saúde humana.
O protocolo da felicidade, do toledano Antonio Arteaga, é o título do relato recoñecido co terceiro premio do certame. Un texto que apela á “humanización das novas tecnoloxías, a IA en particular, e á necesidade de achegar as TIC ás persoas xa que, se se deshumaniza calquera proceso, tecnolóxico ou non, deixa de ter sentido”, sostén o autor.
O xurado encargado de avaliar os máis de 200 relatos presentados estivo integrado por destacados profesionais dos ámbitos tecnolóxico, sanitario, académico e literario: Berta García Orosa, catedrática de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC); María de la Luz Couce Pico, catedrática de Pediatría da USC; Alejandra Ulla Lorenzo, profesora titular de Literatura Española da USC; Patricia Martín Rodilla, científica titular en Humanidades Dixitais da área de Sociedade do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); José Ramón González-Juanatey, catedrático de Medicina da USC; Belén Xestal, directora de Comunicación, Marketing e Relacións Externas de Plexus Tech; Aser Álvarez González, director de Arraianos Producións e ArteciencIA; e Foro Hernández Sánchez, director de Relacións Públicas Galicia. O xurado estivo presidido polo director da Cátedra, Senén Barro Ameneiro; e a secretaría ocupada pola investigadora do CiTIUS e delegada da reitora para a Estratexia Dixital da USC, María José Carreira Nouche.
