A Comisión Europea dá luz verde á compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft

luns, 15 de maio do 2023 Marcus Fernández

A oposición da Autoridade dos Mercados e da Competencia (CMA) do Reino Unido á compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft pillou por sorpresa a todo o mundo, especialmente porque despois de meses nos que os principais argumentos contra Microsoft eran o uso da franquía de Call of Duty como elemento para danar á competencia, a autoridade británica argumento que o grande problema para a adquisición era a forza de Microsoft no xogo na nube, omitindo detalles como que falamos dun mercado residual do que deron datos moi imprecisos (especialmente porque non hai xeito de determinar o volume de negocio do xogo na nube de Microsoft, xa que está englobado nun servizo de subscrición que inclúe xogos instalables).
A decisión da CMA está a ser apelada por Microsoft, pero dende a Comisión Europea parecen ser bastante máis razoables, e decidiu autorizar a compra con condicións, que é o escenario que se espera para o resto de territorios nos que están a solicitar a autorización dos reguladores locais.
A Comisión entende que tras a compra de Activision Blizzard sería posible que Microsoft prexudicase á competencia negándose a levar os seus títulos a consolas PlayStation, pero consideran que iso sería nefasto para Microsoft (xa que actualmente véndense 4 PlayStation por cada Xbox, polo que restrinxir prexudicaría principalmente á propia Microsoft); tamén pensan que incluso aínda que Call of Duty non chegase a publicarse para consolas de Sony a compañía nipoa non tería maior problema (especialmente no territorio europeo, onde a franquía non ten tanto peso como no resto do mundo); ven como unha ameaza que no futuro os xogos de Activision puidesen ser exclusivos dos servizos na nube de Microsoft e incluso cren que Microsoft podería chegar a facer que o seu servizo de streaming de xogos funcionase mellor baixo Windows (fortalecendo a súa posición no mercado de sistemas operativos).
Ante esta situación a Comisión Europea considera atinada a oferta de Microsoft de comprometerse durante 10 anos a ofrecer licencias de balde aos consumidores europeos para gozar dos seus xogos en streaming se teñen a licenza correspondente e tamén ofrecen ás compañías de streaming de xogos a posibilidade de ofrecer os títulos de Activision Blizzard para PC e consola. A Comisión cre que estamos ante unha proposta que melloraría significativamente a situación actual, pero pode entenderse que se Microsoft traslada a súa proposta ao resto de mercados podería recibir unha resposta semellante dos reguladores.
Cómpre tamén lembrar que o actual dominio de Microsoft no xogo na nube está provocado polo desinterese de Sony nesa tecnoloxía (pese a ser unha das compañías máis veteranas no streaming de xogos) e o abandono total de Google deste mercado (tras comprobar que Stadia era un mal negocio). Castigar a unha empresa por ser unha das poucas que segue a realizar investimentos nun mercado non parece moi razoable, e suporía un freo para os desenvolvementos futuros.

PUBLICIDADE