A Coruña acolle o día 11 a primeira conferencia de España adicada a Beam

martes, 31 de maio do 2022 S. P.

Este 11 de xuño celébrase na Coruña, no Reitorado da UDC, a primeira conferencia en España adicada á ferramenta aberta Beam de xestión e mantemento de activos: o evento Code Beam Lite 2022. A cita, unha xuntanza presencial formativa e divulgativa para estudantes e profesionais, ten xa as entradas dispoñíbeis, aínda que a entrada será de balde (os rexistros deberán facerse antes do 1 de xuño). Contará coa colaboración activa do CITIC da UDC.
O programa inclúe charlas e sesións de networking. Contarase coa presenza dos expertos en desenvolvemento de aplicacións Quinn Wilton, Brooklyn Zelenka, Brujo Benavides, Nelson Vides, Tobias Pfeiffer, Adolfo Neto, Antonio Carrasco Domínguez, Anayeli Malvaez, Mariano Guerra, Lois Soto López, Javier Garea Cidre, Marta Medioe Peer Stritzinger. As actividades comezarán o 10 de xuño, cun obradoiro sobre GRiSP2 na Facultade de Informática da Coruña, no Laboratorio 0.1.
A investigadora do CITIC Laura Castro forma parte do comité organizador do encontro, que está, segundo indica, “exposto para ser non só un foro de encontro para a comunidade BEAM galega e española, senón que tamén nos permitirá gozar da presenza de profesionais de prestixio internacional sen ter que desprazarnos fóra do país, como é habitual”.
Estas xornadas servirán para compartir coñecemento e inspirar a descubrir o futuro do ecosistema Erlang e Elixir, linguaxes de programación que están detrás de produtos como WhatsApp, Pinterest, Spotify e Discord.
Como dixemos, a asistencia é gratuíta, previa inscrición, antes do 1 de xuño.

PUBLICIDADE