A Coruña acolleu a cuarta edición do congreso internacional IWFOS

martes, 4 de xullo do 2017 Redacción

Entre o 15 e o 17 de xuño, a Fundación Barrié da Maza da Coruña converteuse nun punto de encontro de expertos en análise estatística de datos funcionais chegados de diferentes recantos do mundo grazas a IWFOS 2017. Trátase, para quen non o saiba, dunha importante xuntanza de prestixio mundial para traballar arredor das principais tendencias nas áreas das estatísticas funcionais a través do intercambio de ideas e a colaboración entre investigadores internacionais. IWFOS 2017 contou con convidados de diferentes partes do mundo (desde Australia até España, pasando por Reino Unido, EE UU, Alemaña, Suíza e Italia) e co apoio da Universidade da Coruña e o seu Grupo Modes, a Universidade Franco-Italiana, o Centro de Investigación TIC (o CITIC da Universidade da Coruña), o Instituto de Matemáticas de Toulouse, a Fundación Barrié, Springer e as sociedades SGAPEIO, SEIO e ISNPS.
Segundo lembra Germán Aneiros, o organizador de IWFOS 2017, este congreso internacional celebrouse en 2008 promovido polo grupo STAPH (Université Toulouse III - Paul Sabatier) co obxectivo de “intercambiar ideas sobre estatística para datos funcionais e promover a colaboración entre investigadores de diferentes países, sen ter unha percepción fiábel de como respondería a comunidade científica entre un evento que abordase algo tan minoritario como era naqueles intres este tema”. E foi un rotundo éxito!
As dúas primeiras edicións de IWFOS (Toulouse 2008, Francia; Santander 2011, España) centráronse na estatística para datos de dimensión infinita (datos funcionais), mentres que na terceira edición (Stresa 2014, Italia) presentáronse tamén traballos relativos á estatística para datos cuxa dimensión, aínda sendo finita, é moi alta. Nesta cuarta edición, e cunha arela de ir á par das demandas da sociedade actual, “ampliouse o abano de tópicos ao tratamento estatístico de datos de gran volume (Big Data)”, segue comentándonos Germán.
E é que para os relatores, como Víctor Panaretos, a riqueza dos diferentes problemas expostos, tanto en materia de motivación aplicada coma en termos dos diferentes tipos de formalismos matemáticos que deben ser empregados para realizar a análise estatística axeitada, é un valor engadido do congreso.
Segundo Víctor, “o evento é unha moi boa experiencia, sobre todo porque o tamaño modesto da reunión permite asistir a todas as charlas (sen sesións paralelas) e a xenerosa duración dos coffee breaks permite interactuar de xeito significativo con moitos dos participantes. A Coruña, por suposto, é un lugar marabilloso, así que é unha vantaxe engadida”, engade.
Case un centenar de relatores participaron nesta edición compartindo as súas experiencias, ideas e investigacións. No caso de Víctor, o seu relatorio Phase variation, Fréchet means, an Procrustes analysis en Wasserstein Space versa sobre o “chamado problema do rexistro, que xorde na neurociencia e a imaxe cerebral, entre outras, onde cada patrón de puntos ou imaxe corresponde a diferentes individuos, e temos que transformalos nun sistema de coordenadas común para poder avalialos de maneira correcta”.
Con todo, o personaxe máis destacado de IWFOS 2017 non foi ningún relator, senón o profesor Peter Gavin Hall, a cuxa memoria adicouse esta edición. “Foi recoñecido até o día do seu prematuro falecemento (xaneiro 2016) como un dos mellores estatísticos vivos do mundo. Foi conferenciante convidado na primeira edición de IWFOS (2008), nun intre no que non era usual organizar congresos sobre datos funcionais, e participou como membro do Comité Científico da segunda edición (2011)”, cóntanos Germán.
A piques de concretar o lugar da vindeira edición (IWFOS 2020) toca botar a vista atrás. En IWFOS 2017 presentáronse, principalmente, os últimos avances relativos á análise de datos funcionais, e segundo o feedback, tanto dos participantes como do público, “o congreso foi un éxito”. En palabras de Germán, “foi un éxito desde o punto de vista científico, xa que se presentaron unha trintena de conferencias e outra trintena de presentacións tipo póster, suscitando interesantes debates”. Asemade, engade, “foi un éxito desde o punto de vista organizativo, xa que non houbo contratempos relevantes nin desaxustes nos horarios previstos; e resultou ser un éxito de asistencia, cun centenar de participantes procedentes dos cinco continentes, cantidade moi digna de ser tida en conta para un evento tan especializado como este”. Segundo explica, unha parte destes logros correspóndelles ás institucións, entidades ou grupos de investigación que dun modo ou outro colaboraron con IWFOS 2017. “Desde os Comités Científico e Organizador de IWFOS 2017 gustaríanos mostrar o noso agradecemento a todas elas”, apunta.

PUBLICIDADE