A Coruña obtén 4,4 millóns de euros en fondos europeos para desenvolver ferramentas IA
martes, 1 de abril do 2025
O Concello da Coruña recibirá 4,4 millóns de euros de fondos europeos para desenvolver ferramentas e solucións baseadas na IA na cidade, co apoio directo do Clúster TIC e do CITIC da UDC.
A alcaldesa Inés Rey sinalou que concesión desta contía “é un grande éxito para A Coruña que nos permitirá mellorar diferentes servizos públicos facendo un uso responsábel da Intelixencia Artificial". Lembrou que só dúas cidades españolas, A Coruña e Salamanca, obtiveron estas axudas europeas, nas que foron seleccionados un total de 20 proxectos de 13 países membros da UE. En total, presentáronse 110 cidades de toda Europa á convocatoria, 15 delas españolas.
O Concello da Coruña presentouse a esta convocatoria da Iniciativa Urbana Europea, dependente da Comisión Europea. O 80% do orzamento do proxecto, un total de 4.416.998 euros, será asumido por fondos FEDER.
Mediante o desenvolvemento de infraestruturas que permitan a experimentación e a cocreación de IA, o proxecto Allocate impulsará a competitividade económica da Coruña, reducirá a súa pegada medioambiental e garantirá un desenvolvemento urbano inclusivo impulsado por ferramentas intelixentes.
Allocate fará fronte aos retos urbanos inmediatos, fomentando a participación das pequenas e medianas empresas locais, que desenvolverán solucións de IA verdes e éticas. Ademais, buscarase crear unha nova Comunidade de Computación Local (LCC) orientada ao crecemento económico a longo prazo e a sustentabilidade medioambiental urbana e porase en marcha unha nova comunidade colaborativa, apoiada polo Clúster TIC Galicia.
Espérase que se unan inicialmente unhas 40 empresas, traballando con 4 departamentos do Concello da Coruña e expertos do CITIC (Centro de Información TIC da UDC). Lanzarase unha convocatoria entre a Comunidade de Computación Local (LCC) para seleccionar 10 pemes e startups que proben tres casos de uso urbano real do Concello.
Ditos casos urbanos atenderán a necesidades prioritarias actuais. “Deste xeito”, informou o Concello, “aplicarase a IA sobre a mobilidade sostíbel en bicicleta pola cidade”, “poranse en marcha procesos innovadores no servizo de recollida e tratamento de residuos da cidade” e “habilitaranse tecnoloxías ao servizo de incidencias municipal”.