A Coruña prepara o terreo para converter en smart 213 edificios

xoves, 26 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Fachada do consistorio coruñésO Concello da Coruña quere dar pasos en materia smart. Máis en detalle, quere dalos coa vista posta nos principais elementos inmateriais dos espazos urbanos: os edificios. Con este fin, opta a unha convocatoria estatal para instalar en 213 inmóbeis públicos sensores intelixentes que sexan quen de proporcionar datos da súa xestión, aumentar a eficiencia enerxética e mellorar a seguridade. Dito doutra maneira: serán 213 edificios con capacidade de optimizarse a si mesmos.
A iniciativa chámase Conecta Coruña e vén da man da Concellería de Rexeneración Urbana. O seu orzamento sería de 5 millóns de euros e no seu punto de mira están predios representativos do Concello, o Estado, a Xunta, a Universidade da Coruña e a Deputación, entre outros.
Para isto, o Goberno local concorre na convocatoria do Plan Nacional de Territorios Inteligentes co proxecto Conecta Coruña. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, explica que a iniciativa recolle diferentes propostas nas que se poden aplicar sistemas de control e xestión integral e automatizada estruturadas en torno a cinco eixes: mobilidade, auga, ambiente, enerxía e seguridade. Nas súas palabras, “búscase aplicar e pór en marcha sete tipos de proxectos, segundo as necesidades dos edificios, que van permitir recadar moita información sobre o seu funcionamento que, unha vez envorcada na plataforma smart da cidade, servirán para optimizar os recursos”.
Entre as vantaxes dos proxectos atópanse as seguintes: maior eficiencia enerxética dos edificios, máis aforro significativo do consumo, mellor coordinación intermodal entre os nodos de comunicacións (como son o aeroporto, porto, estación de autobuses e a de tren), e habilitación dun sistema de alerta temperá de incidencias.
Para os ditos inmóbeis, en caso de que se gañe a convocatoria estatal, está programado aplicar polo menos un dos casos de uso desenvolvidos na iniciativa, para os que se contou coa colaboración do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Edificación e da Enxeñería Civil, o Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC (o CITIC) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
Estes casos de uso materialízanse en cousas concretos como o control de aforamentos, a planificación da mobilidade entre os nodos de comunicación da cidade (porto, aeroporto, estación de autobuses e de ferrocarril), o seguimento e optimización do consumo de auga, o control da contaminación por gas radón, a iluminación intelixente e o sistema de evacuación intelixente e centralizado. O orzamento previsto para o proxecto é de 4.999.836 euros, dos que a achega de Red.es sería do 80% fronte ao 20% que tería que afrontar o goberno local.

PUBLICIDADE