A Coruña prepárase para o Día da Ciencia na Rúa cunha chea de actividades
venres, 2 de maio do 2025
O Concello da Coruña está a preparar o Día da Ciencia na Rúa 2025, unha proposta que se celebrará o 10 de maio e que está organizada polo Concello da Coruña, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra Emalcsa-UDC. Tamén colaboran nesta xornada a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e a Deputación da Coruña. O encontro terá lugar no no parque de Santa Margarita e asistirán un milleiro de escolares, científicos e científicas que achegarán ao público multitude de actividades e experiencias que conectan a ciencia e a tecnoloxía coa vida cotiá.
"Esta é unha das iniciativas máis especiais do ano para os centros escolares e desde o Goberno de Inés Rey queremos que así siga sendo, amosando a importancia da divulgación científica desde a mocidade", sinala Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Indo a esta edición, sinalar que participarán 54 centros educativos da: Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Ribadeo, Miño, Ortigueira, Baio, Ribeira e Poio. Haberá actividades baseadas nas tecnoloxías máis actuais, como o recoñecemento facial con Intelixencia Artificial, a descrición do corazón mediante téxtiles electrónicos, invernadoiros intelixentes, un modelo de satélite artificial ou numerosas aplicacións de robótica. Tamén se presentarán experiencias que combinan a ciencia coa arte ou a maxia, ilusións ópticas ou o son, así como sorprendentes proxectos sobre a creación de nubes, o Sistema Solar, foguetes ou a observación de células e microorganismos ao microscopio. As actividades estarán relacionadas con grandes temas de actualidade: a crise climática, as conservación do medio ambiente e a sostibilidade.
Amais do alumnado de todos os niveis educativos tamén participan profesionais da investigación e a divulgación, que presentarán un diverso programa de contidos científicos para toda a cidadanía nos postos da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), ou a Axencia Galega de Órganos e Sangue.
Alén disto, tamén haberá actividades paralelas en torno ao edificio da Casa das Ciencias ofrecidas pola Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias), UDCiencia d+i, un concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12 horas e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade a partir das 17.30 horas.
A xeito de novidade, establecerase un mercado gastronómico sostíbel con 8 postos instalados na zona da entrada do parque pola rolda de Nelle.
A Domus estará presente no parque de Santa Margarita cun proxecto Erasmus+, financiado pola Comisión Europea, denominado EduCO2Health, que inclúe unha proposta de actividades para coñecer que é o exposoma e que pegada deixa a contorna na nosa saúde. O concepto de exposoma implica estudar todas as exposicións acumuladas por unha persoa desde a concepción até o final da súa vida, o que abrangue non só os elementos externos (dieta, o estilo de vida e a contorna onde vivimos e traballamos) senón tamén factores internos (metabolismo, microbiota intestinal, inflamación e estrés oxidativo).
Engadir que EduCO2Health está liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e conta coa participación da Domus e outros socios de cinco países diferentes representando a institucións con experiencia nos eidos da xenética, a didáctica das ciencias, a comunicación científica, as artes plásticas, o ensino bilingüe e a ecoloxía.
En canto aos Museos Científicos Coruñeses, dicir que celebran este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros: a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario de 10 a 19 horas (último acceso ás 18 horas no Aquarium, ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus). Para visitar o Aquarium Finisterrae cómpre realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación no enderezo habilitado para este día. Engadir que para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.
A visita á Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa, e sempre que a capacidade non estea completa. As persoas que queiran asistir a unha sesión de Planetario na Casa das Ciencias deberán retirar convites, que se repartirán media hora antes de cada sesión na recepción do museo, entregando un máximo de 2 entradas por persoa. Haberá estas sesións:
· 11 horas- Directo: Viaxe polo Sistema Solar... e máis alá! (Galego /a partir de 8 anos).
· 12 horas- O ceo de Cloe (Galego / 4 - 7 anos).
· 13 horas- Directo: El cielo de esta noche (Castelán /a partir de 8 anos).
· 16 horas- Directo: Viaje por el Sistema Solar...y más allá! (Castelán /a partir de 8 anos).
· 17 horas- El cielo de Cloe (Castelán / 4-7 anos).
· 18 horas- Directo: O ceo desta noite (Galego /a partir de 8 anos).