A Deputación da Coruña quere que a administración cen por cen dixital chegue en 2019 aos concellos da provincia

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña presentou hoxe un novo programa para impulsar a transformación tecnolóxico-dixital dos pequenos concellos da provincia. A medida foi dada a coñecer polo presidente provincial, Valentín González Formoso, quen salientou o cariz pioneiro do proxecto, que entre as súas accións concretas inclúe un obxectivo ambicioso e revolucionario: a implantación da administración cen por cen electrónica nos concellos coruñeses antes de que remate o ano. Con estas e outras propostas, a entidade provincial quere “conseguir que a provincia sexa un referente no ámbito do goberno dixital”.
O programa, chamado PEL-Concello Dixital, vén cun orzamento de 693.209 euros. Respecto do equipo humano, inclúe a contratación de técnicos especialistas que darán soporte tecnolóxico in situ e acelerarán a implantación da eAdministración nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Segundo explicou Valentín González Formoso, a través desta iniciativa a Deputación da Coruña “crea emprego, axuda a mellorar a formación e cualificación do persoal da administración local e dá resposta a unha demanda existente nos concellos nun campo que está en constante evolución”, cumprindo ademais as responsabilidades que a Lei de Racionalización e Sostenibilidade Local (LRSAL) atribúe ás deputacións no proceso de impulsar a transformación da Administración Electrónica a nivel local.
O titular provincial tamén sinalou que “dende a Deputación queremos promover a innovación e a mellora na calidade dos servizos públicos dos concellos coruñeses, fomentando ao mesmo tempo unha maior transparencia, comodidade e accesibilidade da cidadanía nas súas relacións diarias coa administración”. Ao mesmo tempo, González Formoso puxo o foco nos positivos precedentes tecnolóxicos cos que conta a Deputación, que ten “unha dilatada traxectoria no eido de provisión de tecnoloxía, soporte e servizos TIC aos municipios coruñeses”.
Pasos a seguir e máis detalles
Para a implantación do programa PEL-Concello Dixital, o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación contará coa colaboración técnica da consultora tecnolóxica Everis, que vén de gañar a licitación pública para a coordinación do programa e que conta, en palabras da entidade provincial, cunha importante bagaxe neste ámbito, “tanto no sector público coma no empresarial”.
O programa suporá a contratación dun xefe de proxecto, dous coordinadores e un mínimo de 9 axentes altamente cualificados (titulados universitarios con máis de dous anos de experiencia no desenvolvemento de proxectos de formación e transformación dixital na administración).
O equipo contará con expertos en aspectos coma contratación electrónica e procedemento administrativo, xestión documental e de arquivos, protección de datos, ciberseguridade ou tecnoloxías de comunicación. Estes especialistas encargaranse da realización do traballo de adaptación e transformación nos concellos da provincia, formando ao persoal municipal, asesorando e favorecendo a implantación da Administración Dixital nestes e outros ámbitos (tanto os desenvolvidos directamente pola Deputación como os xestionados pola Xunta de Galicia ou pola Administración do Estado), así como nos asociados á implantación da tramitación electrónica de expedientes TEDeC e outras plataformas integradas (SIR, Notifica. gal, sedes electrónicas municipais, plataformas autonómicas e estatais, etc.). Ao fío disto, a Deputación quere “garantir os dereitos dos cidadáns para relacionarse por medios electrónicos coa Administración, e promovendo a transparencia”.
O plan de formación que inclúe o programa pretende chegar a máis de 600 empregados públicos da provincia no prazo de un ano, a maior parte persoal administrativo, pero tamén secretarios, tesoureiros, interventores e responsábeis de Informática dos concellos da provincia.

PUBLICIDADE