
A cita, engadiu, dará acubillo a máis de 30 recoñecidos profesionais en España, de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing online ou acción social, “cuxos blogs e redes sociais contan con milleiros de seareiros e que compartirán nesta cita o seu coñecemento a través de relatorios e debates, nos que abordarán os cambios nos hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está a provocar Internet na sociedade”.
Asemade, dixo, haberá espazo para a innovación e o emprendemento, coa presentación de proxectos nos que se empregan as redes sociais como medio de expresión e negocio, ou cunha mesa redonda na que se abordará como a Rede pode impulsar empresas ou produtos. O titular provincial explicou que como colofón, este pioneiro encontro acollerá a entrega dos Premios INLUGO, “cos que esta Deputación recoñecerá o labor que están a realizar empresas lucenses no ámbito dixital”.
Trátase dun encontro totalmente de balde e para todos os públicos, cun primeiro aforo limitado de 160 persoas, que é a capacidade do Salón de Actos do Pazo Provincial, e un segundo aforo doutras tantas que o seguirá en directo dende o Salón de Pleno da Deputación.
Todos os interesados poderán formular a súa solicitude a partires do próximo martes, 21 de maio, na páxina web www.inlugo.com ou ben en www.deputacionlugo.org. Para a participación, respectarase rigorosamente a orde de entrada das inscricións. Ademais, informou Gómez Besteiro, todos os interesados poderán seguir as actividades a través de Internet grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC, que se encargarán da súa emisión en streaming.
Na presentación deste congreso, o presidente da Deputación estivo acompañado polo director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera (de feito, trátase dunha iniciativa co-financiada nun 80% pola Unión Europea). Rivera adiantou o nome dalgúns dos expertos nacionais que se darán cita en Lugo o 7 e 8 de xuño. Entre eles atópanse: Mario Tascón, especialista en medios dixitais e redes sociais, así como ex director de elmundo.es e elpais.com; Sebastián Muriel, responsable de expansión internacional de Tuenti e ex director de Red.es (organismo estatal encargado do fomento de Internet e novas tecnoloxías); Óscar Reboiras, licenciado en periodismo e responsable do departamento de comunicación do operador galego de telecomunicacións R; Francisco Polo, activista na Rede, fundador de Actuable e director de comunicación de Change.org; Javier Pedreira (máos coñecido como Wicho) fundador e autor de Microsiervos, ou Alfonso Alcántara (Yoriento), especialista en persoal branding, motivación e emprego 2.0.
A institución organiza este encontro coa apoio organizativo de InterQué, entidade integrada por profesionais cunha ampla traxectoria no eido TIC.
A Deputación de Lugo contará con algúns dos principais representantes estatais das TIC no seu Congreso de Cultura Dixital
Compartir Este Artigo
