A Deputación de Lugo inxectará 4 millóns de euros na dixitalización das administracións locais
venres, 23 de xuño do 2023
A
Deputación de
Lugo aprobou este venres 23 de xuño un convenio tipo para implicar
aos concellos nas iniciativas de dixitalización da administración
local que se realizarán en datas vindeiras, ao abeiro dos fondos
europeos que vén de captar a institución provincial para tal fin.
Estes fondos ascenden a 4 millóns de euros. Así o anunciou a
voceira socialista en funcións do Goberno, Pilar García Porto, quen
detallou os acordos adoptados na reunión desta semana.
“Dende
a Deputación temos feita unha análise inicial sobre cales son as
liñas sobre as que traballar, pero queremos que os propios concellos
manifesten as súas prioridades máis inmediatas en materia de
dixitalización”, detallou a deputada. Para iso, explicou que se
desprazará persoal técnico aos diferentes municipios para coñecer
da súa man o punto de partida que hai en cada un deles para logo
poder darlle resposta cos fondos que cheguen, “que serán
repartidos dun xeito moi semellante a como o facemos co Plan Único,
é dicir, en base a criterios obxectivos”, concretou García Porto.
Nas
súas palabras explicou que esta maneira de traballar servirá para
“ser máis eficientes á hora de executar os recursos europeos con
vistas a lograr que os nosos concellos estean á vangarda
tecnolóxica”.
No
marco deste proxecto, desenvolveranse, entre outras, actuacións para
integrar a Administración Electrónica dos concellos cos servizos da
Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo
intelixentes que permitan mellorar a resiliencia dos municipios,
crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un
sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou
mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando
así a transparencia dos concellos.