A Deputación de Lugo potenciará os atractivos da provincia nos móbiles dos turistas

xoves, 7 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O turismo de Lugo vai contar con sinalización intelixente a través dos móbiles, co fin de ilustrar aos visitantes sobre a longa listaxe de atractivos turísticos cos que conta a provincia. Así o deu a coñecer onte a Deputación, que celebrou unha nova sesión ordinaria do Consello Provincial de Turismo, unha xuntanza que estivo presidida polo presidente provincial, Darío Campos, e que contou coa participación de 20 membros do dito organismo, posto en marcha pola Deputación para impulsar o sector.
Na xornada déronse detalles sobre o traballo desenvolvido pola entidade provincial a prol da promoción turística dos concellos, un labor que vaise ver reforzado coa posta en marcha dun proxecto de sinalización intelixente a través dunha aplicación móbil, que mostre en detalle todos os recursos turísticos da provincia e como chegar a eles e desfrutalos. Segundo se fixo saber, esta iniciativa está a piques de adxudicarse.
Outra das novidades foi a aprobación das bases do novo premio Lugo Cambia, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que constará de dúas modalidades: ao turismo e á gastronomía. Con estes galardóns, que se convocarán o vindeiro ano, recoñecerase o traballo de persoas, entidades ou institucións a prol do fomento da promoción turística da provincia, así como actuacións innovadoras na gastronomía lucense.
A xeito de balance das actividades desenvolvidas recentemente, tamén se fixo un reconto da participación do ente provincial no salón FITUR (en colaboración co APEHL), dos resultados e obxectivos da revista E para comer Lugo, do curso de enoturismo, das xornadas Estase Cocendo nas que participou a Deputación e do impulso ao micoturismo e o turismo científico que a entidade está a impulsar no xeodestino Ancares-Courel.
Ademais, o Executivo provincial deu a coñecer que continúa coa súa programación de impulso ás candidaturas do Xeoparque Mundial da UNESCO de Montañas do Courel e a da Ribeira Sacra, e fixo un repaso polo acadado ao abeiro dos roteiros fluviais da Deputación que nesta última tempada rexistraron 59.300 visitas, 6.128 máis que na anterior.
Igualmente, lembrouse a posta en marcha da web de turismo da Deputación e a materialización de folletos informativos sobre os xeodestinos e a gastronomía da provincia. A entidade provincial, amais, fixo fincapé na actividade xerada nas redes sociais co gallo da celebración e promoción de eventos turísticos, gastronómicos e culturais. “Definimos unha nova estratexia de comunicación en redes sociais, a través de Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, así como a creación dun calendario de eventos da provincia”, explicou a institución que preside Darío Campos.
Presenza nas feiras e eventos turísticos máis relevantes
A maiores, o Goberno da Deputación da man dos 67 Concellos da provincia, participou nas feiras e eventos turísticos máis relevantes do panorama turístico, tanto nacionais como autonómicas: participou activamente en FITUR; no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo- Xantar en Ourense; no Festival Marítimo de Pasaia e no FAIRWAY, III Forum do Camiño de Santiago.
Por outra banda, está prevista a concorrencia da Deputación en Expo-cidades en Braga, Expo-vacacións en Barakaldo e Termatalia en Ourense. O Executivo provincial tamén puxo en valor o Camiño Norte, a través dunha FAMTRIP, para potencialo.

PUBLICIDADE