A Deputación de Lugo premia o emprendemento innovador no rural

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo vai premiar novas iniciativas empresariais do rural cun total de cinco galardóns. Os recoñecementos, que foron presentados hoxe pola deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, veñen cunha contía de 50.000 euros. O obxectivo, segundo informou, é fomentar o espírito innovador e emprendedor na provincia. Para quen queira máis datos sobre o certame, a Deputación de Lugo habilitou na súa web todo tipo de información detallada.
López Izquierdo explicou que a iniciativa abrolla do compromiso da Deputación coas contornas non urbanas, poñendo en xogo cinco apoios para outros tantos proxectos de emprendemento. “Dende o Executivo provincial apostamos polo medio rural coma un medio de oportunidades no que se poden desenvolver iniciativas laborais e empresariais relevantes para a economía e o desenvolvemento da nosa provincia, e os premios que hoxe presentamos son unha mostra máis desta firme convicción”, sinalou a deputada, engadindo que outro dos obxectivos de propostas como a presentada hoxe é “fixar poboación nas aldeas e nas vilas”.
Logo da publicación das bases este martes no Boletín Oficial da Provincia, mañá ábrese o prazo para que todas as persoas interesadas en participar poidan rexistrar as súas solicitudes ata o vindeiro día 29 de novembro, incluído. A previsión é que a finais de ano se coñezan os beneficiarios. As solicitudes presentaranse de maneira telemática na sede electrónica da Deputación: http://sede.deputacionlugo.org. Toda a información e documentación necesaria pode atoparse, como dixemos, na páxina web http://deputacionlugo.gal/gl/temas/emprego/emprendendo_rural.
Nas bases estipúlase que no certame pode participar calquera cidadán, as únicas esixencias serán non estar constituídos como empresa (a intención é premiar a idea en si mesma e darlle azos para converterse en realidade de mercado), a obriga de constituírse antes de 31 de agosto de 2019, afincarse no rural e manter a actividade durante polo menos dous anos.

PUBLICIDADE