A Deputación de Ourense e Viewnext (IBM) impulsarán o emprego no eido das novas tecnoloxías

venres, 25 de novembro do 2016 Redacción

Mozas e mozos desempregados da provincia de Ourense que teñan formación en Informática, sistemas e programación web son os destinatarios elixidos pola Deputación de Ourense e a compañía Viewnext (pertencente ao Grupo IBM) de cara a participar no primeiro Plan Piloto de Emprego Tecnolóxico en Ourense, que permitirá a preto de 20 desempregados acceder ao mercado laboral no eido tecnolóxico. Cómpre sinalar que o paso previo a este Plan Piloto será un curso de programación que a Deputación desenvolverá xunto ao Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e no que poderán participar até 30 mozos e mozas desempregados, incluíndo axudas de até 5.000 euros para empresas que contraten a estes mozos.
A acción formativa, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Garantía Xuvenil, abrangue 100 horas de formación tecnolóxica, especializada en programación web Java, centrándose en aspectos prácticos, co obxectivo de que o alumnado poida ser contratado axiña por empresas do sector.
En canto á temática desta acción formativa constará de: Orientación de obxecto, Asignacións e operadores, Arquitectura de WebSphere e Commerce, etc. O curso, cunha duración de mes e medio, desenvolverase en clases teóricas e prácticas, todas presenciais e impartidas en Ourense.
Os interesados en asistir a este curso xa se poden inscribir dende hoxe a través da web do EOI, estando previsto o comezo do curso a mediados do vindeiro mes de decembro.
Segundo informaba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no seu encontro co director xeral de Viewnext, José Manuel Brandeiro, esta proposta forma parte do proxecto Provincia Intelixente, que está a desenvolver a Deputación de Ourense, "proxecto que inclúe ademais a creación en Ourense dun centro tecnolóxico para a innovación por parte das compañías IBM e Vodafone, que ten como obxectivo impulsar novas oportunidades de progreso económico e social na provincia da man da Deputación de Ourense". Deste xeito, a Deputación únese a IBM e Vodafone para desenvolver un proxecto que quere estar na vangarda da innovación tecnolóxica.


PUBLICIDADE