A DosisPedia estrea versión para iPhone
xoves, 19 de febreiro do 2015
En decembro veu a
luz a aplicación de Smart GalApps DosisPedia,
coa intención de axudar aos sanitarios a prescribir medicamentos aos cativos, conseguindo
un grande éxito na súa versión
para dispositivos Android, superando as 5.000 descargas (cantidade moi
significativa para unha ferramenta tan especializada) e máis dun 90% de
usuarios habituais (taxa de uso realmente extraordinaria). E agora, esta
aplicación que conseguiu en Google Play un 4,6 sobre 5 de 107 valoracións quere
trasladar o seu éxito á App Store, polo que estrea
aplicación para iPhone, ampliando así a dispoñibilidade desta práctica
ferramenta.
Dende Smart GalApps apuntan que a DosisPedia
ten a súa meirande parte de usuarios en España (o 32,94%) pero en América
Latina tamén goza de grande aceptación, sorprendendo o caso de México (de onde
chegan o 26,77% dos usuarios).
A aplicación móbil é froito do traballo do Equipo de Pediatría do Hospital da
Costa de Lugo co financiamento do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Lugo,
que nos vindeiros días celebrará unha presentación oficial desta ferramenta
tras o aprazamento do evento anteriormente programado por ter coincidido cun
forte temporal que afectou a toda Galicia.
Coa DosisPedia os profesionais da medicina poden atender aos cativos dun xeito
máis áxil e preciso á hora de prescribirlles fármacos, xa que a ferramenta
permite moverse por un completo catálogo de medicamentos e consultar as
indicacións en función do peso do pequeno.
Dende Smart GalApps encargáronse do deseño e desenvolvemento desta aplicación
móbil, coidando incluso que funcione axeitadamente nos novos iPhone 6 e iPhone
6 Plus.