A ESEI de Ourense acolle este sábado a celebración da Olimpíada Informática Galega 2024

venres, 2 de febreiro do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UVigo, USC e UDC) o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, celebrará este sábado, 3 de febreiro, a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024).
Terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, de 10:00 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. A organización da OIG pechou a inscrición do certame con 26 participantes. A axenda da xornada é a seguinte:
10:00 h Recepción de estudantes e acceso ás aulas.
10:15 h Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada. Interveñen o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e o director da ESEI, Arno Formella.
10:45 h Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
11:00 h Inicio da proba.
14:00 h Fin da proba.
14:15 h Acto de clausura, incluíndo a resolución do xurado. Intervén o vicerreitor do Campus de Ourense da UVigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo.
O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é “a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade”, en palabras do CPEIG.
A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
Listaxe de centros participantes na OIG 2024 Inscribíronse estudantes de entre 15 e 18 anos, naturais da Coruña (4 participantes), Vigo (2), Ribeira (1), Ames (1), Santiago de Compostela (5), Brión (2), Negreira (1), Narón (1), O Barco de Valdeorras (2), Teo (1), Burela (1), Ferrol (1), O Porriño (1), Redondela (1), Vedra (1) e Allariz (1). Os estudantes proceden de 15 centros da comunidade galega.
A olimpíada deste ano está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Amazon AWS, Apser, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.
Os dous primeiros clasificados na OIG 2024 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á 36ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Exipto no mes de setembro.