A FIC da UDC distingue un innovador dispositivo para monitorizar marcadores de calidade ambiental

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

A FIC da UDC deu a coñecer o nome do galardoado este ano co Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática. Trátase de Pablo Mariño Boga, que recibiu a dita distinción nun acto celebrado este mércores 19 de abril na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O de Mariño Boga foi un dos tres traballos seleccionados entre os 14 presentados que obtiveron a cualificación de matrícula de honra no curso 2021-2022. De feito, tamén se entregaron dous accésit a Gabriel Fernández Blanco e Rubén Somoza Domínguez polos seus TFG.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, xunto coa Fundación Universidade da Coruña, colabora nestes premios, que contan ademais co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba WIB (Women, ICT & Business), NTTdata e SNGULAR.
Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental é o título do traballo de Pablo Mariño, dirixido polo investigador do CITIC José Juan Lamas Seco, que obtivo o primeiro premio dotado con 1500 €.
Segundo salienta o CITIC, a idea deste proxecto xurdiu do interese por dispor de métodos de medición da calidade ambiental que inclúan valores de calidade do aire, contaminación acústica e luminosa. Trátase, engade o centro, “dunha solución enfocada a contornas urbanas, que se basea nun dispositivo de medida que se conecta a un equipo cliente, que procesa, mostra e almacena os datos”. Debido a estas características, o desenvolvemento do proxecto divídese en dúas partes ben diferenciadas: o desenvolvemento dun prototipo de medida baseado en microcontroladores, e o desenvolvemento do software do equipo cliente. O dispositivo pódese utilizar para detectar resultados anómalos en tempo real de diferentes marcadores ambientais sendo unha axuda para entender os perigos para a saúde que poden representar.
Pola súa banda, Gabriel Fernández Blanco recibiu un accésit, cunha dotación de 500€, polo seu traballo Sistema de validación de títulos académicos basado en tecnologías Blockchain, dirixido polo investigador do CITIC Tiago M. Fernández Caramés. No seu traballo, Gabriel Fernández ofrece unha solución á falsificación dos títulos académicos universitarios aplicando de forma integral as tecnoloxías descentralizadas e de rexistro distribuído. Grazas á seguridade e á privacidade que proporcionan as redes de cadea de bloques (blockchain) como Ethereum, “os expedientes vólvense resistentes a falsificacións ou a modificacións fraudulentas, pois calquera cambio se valida por todos os nodos da rede e rexístrase de forma permanente”, destaca o CITIC.
Por último, Rubén Somoza Domínguez, autor do TFG Sistema de posicionamento de teléfonos Android a través das propiedades físicas do son, dirixido polo investigador do CITIC Carlos Vázquez Regueiro, recibiu tamén un accésit de 500 €. A través do seu traballo, Rubén Somoza logrou desenvolver un sistema de baixo custo e fácil de configurar capaz de calcular a posición dun smartphone con respecto a un conxunto de altofalantes con alta precisión e por períodos de tempo medio-longos (preto dun minuto). A precisión do sistema depende da contorna, máis especificamente dos obxectos e superficies próximas aos altofalantes que afectan a propagación do son.
Para Rubén Somoza, “o proxecto ten múltiples aplicacións potenciais, desde contornas de entretemento até contornas industriais e médicos, e o seu uso exclusivo do son como medio para lograr o posicionamento faino unha opción económica, atractiva e empregábel en multitude de situacións”.
Feira de Prácticas de Emprego
A entrega dos premios coincidiu coa celebración da Feira de Prácticas e Emprego que se celebra na Facultade de Informática e na que 22 empresas do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), que imparten charlas e obradoiros orientados á inserción laboral do alumnado.

PUBLICIDADE