A Fundación Paideia abre este xoves un ciclo de conferencias sobre IA

martes, 15 de xaneiro do 2019 Redacción

A capacidade das máquinas para analizar información, tomar decisións e permitir que investigacións que até o de agora eran inviábeis sexan unha realidade, son cuestións que espertan o noso interese pero que, tamén, achegan unha serie de desafíos que debemos ter en conta. Avaliar todas estas cuestións, e outras moitas máis, é un dos obxectivos do ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial que organiza a Fundación Paideia e cuxa primeira sesión celébrase esta mesma semana, o xoves 17 de xaneiro, da man de Amparo Alonso, investigadora do CITIC, catedrática da UDC e presidenta de AEPIA. O ciclo, que será presentado por Alonso, estenderase até o mes de abril.
Durante o evento deste xoves e nas seguintes citas, abordaranse os principais conceptos relacionados coa Intelixencia Artificial e o papel que van xogar os algoritmos, os datos, a robótica e a información a gran escala (o Big Data) na sociedade actual e futura, e as súas aplicacións e repercusións nos eidos laboral, económico, social, político, persoal, etc. Así mesmo, afondarase nas implicacións éticas que van supor os algoritmos, a Intelixencia Artificial e a utilización dos datos e como vai afectar todo iso aos cidadáns e ao control social.
O ciclo, como dixemos, comeza este xoves coa conferencia Intelixencia Artificial: O futuro que xa é presente, que impartirá o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da Universidade de Nottingham, Humberto Bustince. A asistencia ao ciclo é gratuíta previa inscrición en www.paideia.es/eventos. A cita será na sede da fundación no número 17 da praza de María Pita, entre as 19.30 e as 21.30 horas.

PUBLICIDADE