A Galipedia celebrará o seu primeiro editatón con temática científica

xoves, 6 de novembro do 2014 Redacción

O pasado 4 de novembro celebrábase a quinta edición do Día da Ciencia en Galego e para festexar esta data Proxéctate en galego, a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, a comunidade xestora da Galipedia, a Wikimedia España e a Nerd Nite Compostela están a organizar un editatón en Lugo para o vindeiro sábado 8 de novembro. Estamos perante a primeira actividade desta índole impulsada dende a Galipedia e terá como temática central o Día da Ciencia en Galego. O editatón comezará ás 10:30 na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo e incluirá unha pequena sesión de introdución á edición da Galipedia e un monólogo científico: A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi: pequeno manual de supervivencia para nerds.
E que se persegue con esta actividade? Pois, por unha banda incorporar á enciclopedia entradas que até agora non contan coa súa correspondente información en lingua galega ou mellorar esta información, no caso de que estea incompleta. Asemade, búscase facer visíbel a comunidade da Wikipedia galega, favorecer o contacto entre os seus membros e facer máis doada a incorporación de novas persoas. Os termos que se insta a incluír ou a actualizar teñen que ver en boa medida coa ciencia e con científicos e científicas galegas.
Como participar? De xeito virtual ou dende a casa, colaborando na creación ou mellora destas entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir neses outros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade.
Informar que a sesión comezará coa intervención de Elisardo Juncal (Galipedia), que realizará unha introdución á Galipedia e á edición co Editor visual. Logo, Manuel Díaz Regueiro (Igaciencia), presentará as actividades do Día da Ciencia en Galego, e Carlos Rodríguez-Rellán (profesor da Facultade de Historia da USC) ofrecerá unha palestra co título A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi: pequeno manual de supervivencia para nerds.

PUBLICIDADE