A Industria 4.0 impulsa as capacidades de reciclaxe de SOGAMA

venres, 24 de maio do 2019 Redacción

SOGAMA, a Sociedade Galega de Medio Ambiente, presentou os días pasados (con motivo do Día Internacional da Reciclaxe, 17 de maio) datos relevantes sobre a súa evolución tecnolóxica e as vantaxes acadadas, en materia de reciclaxe e produción, pola adopción no seu seo da Industria 4.0 (un novo xeito de producir máis eficiente, automatizado, sustentábel e intelixente). Os datos, que foron acompañados dunha nova proclama a adoptarmos o principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar, tres pasos para contribuír ao desenvolvemento sustentábel), certifican a capacidade de SOGAMA para aumentar o abano de materiais que acadan reciclaxe.
Así, grazas á implantación dos sistemas propios da Industria 4.0 na planta de recuperación de refugallos contidos no lixo convencional, a compañía xa conseguiu recuperar até 11 tipoloxías de materiais (que se entregan aos centros recicladores para que sexan convertidos en novos recursos e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida). SOGAMA tamén fixo saber que coa entrada en funcionamento desta instalación, que conformou a primeira fase da ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, a compañía pública “multiplicará por catro a súa contribución á reciclaxe e chegará en 2020 ao vertido técnico cero (10%)”, esixencia imposta polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros no horizonte do ano 2035. A Sociedade Galega do Medio Ambiente mostrou o seu convencemento nas vantaxes da innovación tecnolóxica: grazas á fórmula e a colaboración cidadá, “facilítase o camiño cara á economía circular na nosa Comunidade”, engade a entidade.

PUBLICIDADE