A Intelixencia Artificial será unha das temáticas estrela do segundo Ciclo Aida Fernández Ríos

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

A investigación científico-tecnolóxica segue a ser protagonista na nosa terra neste cambio de mes, co engadido extra de facelo en diferentes emprazamentos da xeografía galega, concretamente da provincia de Pontevedra. Este obxectivo de seguir levando o coñecemento avanzado o máis preto posíbel da sociedade é o alicerce do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, cuxa segunda edición reiníciase a partir do 29 de novembro.

Amparo Alonso nunha imaxe de Xurxo Lobato

Unha das cuestións sobre as que se vai falar será a Intelixencia Artificial, poñendo o foco nas posibilidades que ofrece xa, no presente actual. Esta será a temática da charla de Amparo Alonso, investigadora do CITIC.
O ciclo vén da man da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra, contando coa catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo, en labores de coordinación. Celebraranse cinco conferencias presenciais en institutos de secundaria e bacharelato de Tui, Bueu, O Grove e Silleda.
Estas charlas teñen como finalidade “achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan”.
As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas.

Sabela Balboa

A primeira charla celebrarase o luns, 29 de novembro, no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, ás 16:30 horas. Un grupo de 25 alumnas e alumnos da rama científica, tecnolóxica e biosanitaria de 1º de bacharelato asistirán á conferencia sobre bacterias comeplásticos que impartirá a profesora e investigadora distinguida no Centro Singular de investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, Sabela Balboa Méndez.
Segundo explica a investigadora, as bacterias viven en todos os ambientes coñecidos, “desde o polo ata o deserto e en cada ambiente evolucionan para ser capaces de alimentarse das substancias que atopan”. Destaca que cada ano “xeramos máis de 12 toneladas de plásticos que acaban no mar, moitos deles invisibles, os chamados microplásticos, partículas de plástico minúsculas que proceden da rotura doutros plásticos ou dalgúns produtos que se usan a diario como a pasta de dentes. “Hai bacterias que son capaces de vivir sobre os plásticos e comelos, e por tanto degradalos”.
O xoves 9 de decembro celebrarase unha nova charla no IES illa de Ons de Bueu, ás 11:55 horas. Nela participarán 32 alumnas e alumnos de 4º da ESO que asistirán a un relatorio titulado A Intelixencia Artificial non é ciencia ficción, impartido pola catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos, que é tamén investigadora do CITIC da UDC. A relatora destaca que na charla explicará que é a Intelixencia Artificial, cales son os seus usos e as súas metas, tecnoloxía presente practicamente en calquera eido de investigación, e tamén cales son algúns dos problemas abertos e as limitacións actuais. “A tecnoloxía é cada vez máis interdisciplinar, e a Intelixencia Artificial necesita para o seu desenvolvemento non só enxeñeiros e científicos, senón tamén profesionais das áreas de humanidades, para que todos podamos contribuír ao desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial que sexa boa para as persoas”. Ademais, a catedrática asegura que esta tecnoloxía está a cambiar o emprego, a educación e a forma que as persoas teñen de relacionarse na sociedade, polo que na conferencia expoñerá algunhas ideas para poder enfrontar un futuro cambiante e apaixonante.

Isabel Medina

Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos é o título da conferencia que impartirá a profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coordinadora Nacional da Área de Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos do CSIC e académica numeraria da RAGC, Isabel Medina Méndez, o venres, 10 de decembro, no IES Monte da Vila do Grove ás 11:35 horas. Un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de bacharelato do centro asistirán á charla. A historia da humanidade está unida á historia dos alimentos. Medina explica que as eleccións alimentarias, xunto cos cambios climáticos, provocaron importantes variacións –a nivel anatómico e fisiolóxico–no organismo dos seres humanos. En concreto, destaca que a abundancia de peixe e algas nas zonas costeiras axudou ao desenvolvemento da capacidade cerebral nos homínidos, grazas aos seus ácidos graxos omega-3, compoñentes do cerebro e fundamentais para a saúde humana, xa que “o peixe forma parte da nosa gastronomía e cultura”.

Elena Vázquez

A decana da Facultade de Matemáticas e profesora de Matemática Aplicada da USC, Elena Vázquez Cendón, será a encargada de impartir a charla titulada As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra. A conferencia celebrarase o luns, 13 de decembro, ás 9:40 horas no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Asistirán un grupo de 42 alumnas e alumnos de 1º de bacharelato. O obxecto desta charla é compartir co alumnado matemáticas próximas. A motivación da investigación de Elena Vázquez nace de coñecer as mareas na ría de Pontevedra. Compartirá cos alumnos a colleita matemática que aprendeu e que serviu para aplicar a outras partes do planeta, acuñando o lema Matemáticas para un mundo mellor do proxecto Marzo, mes das matemáticas.

África González

A catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo), África González Fernández, impartirá o luns, 20 de novembro, a conferencia Potencia as túas defensas: Vacínate! no IES Johan Carballeira de Bueu ao que asistirán alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato. Segundo sinala África González, a vacinación é a medida preventiva máis eficaz, que prevé doenzas, secuelas e mortes. A charla describirá que é a vacinación, que pretende facer e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno, como o SARS-CoV-2.

PUBLICIDADE