A Masa lanza unha campaña nas redes para reivindicar o bo uso do galego
mércores, 15 de maio do 2024
Dende a axencia de comunicación dixital A Masa, fundada pola publicista Carolina Buján e a artista e deseñadora web Eva Antelo, lanzaron nas redes un campaña para reivindicar con retranca e sentido crítico un uso correcto da nosa lingua, coincidindo de xeito significativo co Día das Letras Galega (este venres).
A campaña acompáñase do seguinte chamamento: “O 17 de maio é o día para celebrar que temos un idioma propio, pero tamén de reivindicar un uso correcto do mesmo durante o resto do ano, queremos salientar que se non prestamos atención ao idioma non só se degrada o galego, senón tamén a comunicación e a credibilidade das marcas. Por iso é importante contratar servizos especializados que traballen cos coñecementos axeitados”.
Atendendo a isto as integrantes da axencia de comunicación A Masa veñen de recompilar unha serie de mensaxes, correos electrónicos e todo tipo de comunicacións en galego mal escritas en castelán por parte de administracións públicas e empresas, como exemplo podemos atoparnos nas rúas de Compostela frases como: ¡No te lo piérdaste! ou ¿Aún no registrástete?. Casos reais que agora forman parte dunha campaña de marketing de guerrilla en Santiago de Compostela que pretende xerar un impacto de conciencia e sentar precedentes.
Estamos a falar da campaña Dignifica a túa comunicación en galego, que consta de catro modelos de carteis en branco e negro onde a mensaxe tipográfica é a gran protagonista. “Escribir ben o galego demostra que é un idioma válido, con dignidade e que pode ser tan apto para a comunicación de marca coma calquera outro, mesmo pode achegar un valor diferencial positivo”, comentan desde a axencia. Sobre a decisión de centrar a campaña en traducir ao castelán estas frases, resaltan que “é raro ver erros deste calibre en publicidade e comunicacións noutros idiomas, mais no caso do galego, non é difícil atopar exemplos que veñen de malas traducións automáticas, faltas ortográficas, etc. Unha persoa pode cometer fallos no seu día a día, pero cando se conta cunha audiencia e certo orzamento, parécenos que hai unha responsabilidade que cumprir con respecto ao idioma e co público ao que se dirixe”.