A Mesa anímanos a lembrar a TripAdvisor que “o galego tamén existe”

luns, 9 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística comezou este mes de novembro unha campaña para xuntarmos forzas a prol dun cambio de rumbo na política de aceptación de idiomas da comunidade TripAdvisor, case con toda probabilidade o portal de viaxeiros de meirande envergadura (conta con arredor de 200 millóns de usuarios achegando e recibindo opinións sobre todo tipo de destinos e establecementos). Segundo denuncia a Mesa na súa nova campaña, en TripAdvisor vense perpetrando unha situación de desprezo cara ao galego. Un exemplo disto é que todas as opinións emitidas na nosa lingua, fican de maneira automática excluídas da comunidade.
Porén, sinálase, TripAdvisor si contempla a posibilidade de publicar noutras linguas como alemán, árabe, checo, coreano, chinés, danés, español, eslovaco, finés, francés, grego, hebreo, húngaro, holandés, indonesio, inglés, italiano, xaponés, noruegués, polaco, portugués, ruso, serbio, sueco, tailandés, turco e vietnamita. O sitio en Facebook de TripAdvisor ou a súa canle en Twitter son algúns dos lugares onde A Mesa anima a facer constar o noso rexeitamento a esta exclusión do galego coa etiqueta #EnGalegoOpino. Segundo fai saber a plataforma, “as opinións das galegas e e galegos son tan válidas como calisquera outras e este atrevemento de TripAdvisor contra a lingua propia de Galiza, só se explica desde o descoñecemento ou desde o desprezo”. E engade: “Facerlle ver a TripAdvisor que o galego existe e que as galegas e galegos temos opinión e é tan merecente de respecto como as outras é un bo antídoto para evitar neutralizar as dúas posibilidades”.

PUBLICIDADE