A Mesa felicita aos axentes de Carballo que desenvolveron a ferramenta XesPol

venres, 12 de xuño do 2020 S. P.

Que a tecnoloxía pode axudar a impulsar a nosa lingua en diferentes ámbitos de actividade, é algo que está fóra de toda dúbida. Un dos máis recentes e destacados fitos neste sentido é a posta en marcha da ferramenta informática XesPol, impulsada polos axentes da Policía Local de Carballo para, entre outras cousas, facilitar trámites e comunicacións. Amais, ten o engadido extra de permitir á cidadanía facer operacións e consultas en galego, polo que vén de recibir os parabéns da Mesa pola Normalización Lingüística. O aplicativo foi desenvolvido polos axentes Kathy Pena e Manuel Fuentes, que o puxeron a disposición gratuitamente dos restantes concellos galegos.
Esta ferramenta, empregada na actualidade en 29 municipios, dá a posibilidade de centralizar en galego trámites administrativos, penais e de tránsito e simplifica de xeito sensíbel os procedementos que as e os axentes da Policía Local teñen que realizar nos expedientes.
A Mesa dirixiuse ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para transmitirlle os parabéns a estes dous axentes: “O concello de Carballo pode estar orgulloso de contar con estes axentes, mais sen dúbida o mellor recoñecemento público ao seu labor debe ser incorporar o aplicativo á súa xestión e garantir a presenza da lingua galega".

PUBLICIDADE