A Noite Galega das Telecomunicacións fai un chamamento a un futuro dixital e seguro

xoves, 26 de xuño do 2025 Redacción

Máis de 130 profesionais do sector TIC reuníronse no Gran Hotel da Toxa para celebrar a XXIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Durante a gala, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións 2025, que recoñeceron, entre outros, ao CEO de Cellnex España, Alfonso Juan Álvarez Villamarín, como Enxeñeiro do Ano, á empresa Hijos de Rivera como Socio de Honra e á aplicación The Mind Guardian co Premio AMTEGA ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presidiu o acto, no que tamén estiveron presentes representantes da Xunta como Miguel Rodríguez Quelle ou Antón Acevedo. O evento, conducido polo actor Carlos Blanco, puxo en valor o papel dos enxeñeiros de telecomunicación como profesionais esenciais na xestión das infraestruturas críticas (tema central da edición deste ano) que sustentan servizos clave como a electricidade, o gas, a sanidade ou a conectividade.
Durante a súa intervención, o decano do Colexio e presidente da Asociación, Julio Sánchez Agrelo, subliñou que Galicia ten «un futuro dixital e seguro» e que os enxeñeiros de telecomunicación están «preparados para contribuír a facelo realidade». Defendeu tamén o papel fundamental da profesión no deseño, mantemento e protección das redes que fan posible a transformación dixital e apelou a atraer talento novo e reforzar a colaboración coas institucións para afrontar os retos tecnolóxicos actuais.
Entre os premiados destacou o proxecto The Mind Guardian, desenvolvido por AtlanTTic e Samsung España, que emprega intelixencia artificial para detectar deterioracións cognitivas en fases temperás. Segundo os seus creadores, a aplicación logrou reducir ata nun 40 % os efectos das demencias entre maiores de 55 anos, demostrando un impacto real en contornas avellentadas como a galega.