A ONCE e o CITIC únense para mellorar con tecnoloxías a vida das persoas con discapacidade visual
mércores, 24 de xaneiro do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da Universidade da Coruña e a organización ONCE mantiveron este mércores 24 de xaneiro unha xornada de traballo co obxectivo de explorar solucións tecnolóxicas para a mellora da vida das persoas con discapacidade visual e para a optimización de procesos a través da aplicación da IA (Intelixencia Artificial), a robótica ou os escenarios de Realidade Virtual.
O encontro enmarcouse dentro da iniciativa ONCE Innova, o laboratorio de innovación da ONG, desde o que se aposta polo “traballo colaborativo” e pola x”eración de alianzas estratéxicas”, sendo a finalidade última a de “crear espazos de intercambio para o impulso á innovación inclusiva e desenvolvemento de coñecemento en novas tecnoloxías”.
No obradoiro celebrado este mércores no CITIC participaron seis membros de distintas áreas da ONCE e quince investigadores do CITIC que, a través de catro mesas de traballo, conectaron as necesidades de innovación da organización coas tecnoloxías desenvolvidas no centro. O taller, realizado a través de metodoloxías de innovación centrada nas persoas, celebrouse co propósito de atopar solucións aos casos de uso presentados desde a ONCE, froito da análise coas distintas áreas de negocio implicadas.
O CITIC informou de que a xeira de traballo partiu de catro perfiles de persoa que representan casos de uso aplicábeis a áreas da ONCE, como a loxística, comercial, experiencia de usuario no ámbito sanitario ou a navegación informada. Os membros do CITIC que participaron na experiencia contan con perfís especializados en robótica industrial, sensoórica e automatización, modelado de procesos e aplicación da IA en plantas de loxística e distribución. Outras das liñas de traballo expostas foron as tecnoloxías de proximidade, o desenvolvemento de aplicacións móbiles ou a atención á diversidade, así como a xeolocalización exterior, a visión artificial e as cámaras de profundidade e a aplicación da Intelixencia Artificial en análise de tempo real de obstáculos. Así mesmo, tamén se falou sobre a analítica de vendas, a representación da información xeolocalizada, a análise de perfís de poboación e a adquisición de fontes reais.
Como lembraremos, o centro de investigación da UDC é un referente no desenvolvemento de proxectos de IA e a aplicación das TIC en proxectos e iniciativas destinadas a favorecer a inclusión social, promovendo o seu uso para mellorar a calidade da vida das persoas con discapacidade, como no caso do programa Talentos Inclusivos.