A Olimpíada Informática Galega cubre todas as súas prazas con 37 participantes
mércores, 11 de xaneiro do 2023- Foto de familia entrega dos premios da OIG 2022
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e
UVigo) e o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, organiza a
Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG
2023) o vindeiro 10 de febreiro. A cita, segundo informou a
entidade profesional, vén de cubrir todas as súas prazas con 37
participantes. A preinscrición completouse con estudantes da Coruña,
A Estrada, Foz, Ferrol, A Baña, Noia, O Barco de Valdeorras, O
Porriño, A Merca, Ourense, Ames, Santiago, Teo, Vedra e Vigo.
O
obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO),
bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é “a promoción do
coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan
presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a
formación integral da mocidade”, sinalou o colexio.
A
olimpíada celebrarase de xeito presencial na tarde do venres, 10 de
febreiro, na Facultade de Informática da Universidade da Coruña
(coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática
do Campus de Ourense da UVigo e da Escola Técnica Superior de
Enxeñaría da USC).
Xa
coa preinscrición pechada, a organización da OIG confirma que o
certame cubriu as súas 37 prazas, con 33 rapaces e 4 rapazas
inscritas de entre 14 e 19 anos da Coruña (5 participantes), A
Estrada (1), Foz (1), Ferrol (2), A Baña (1), Noia (1), O Barco de
Valdeorras (2), O Porriño (5), A Merca (1), Ourense (1), Ames (1),
Santiago de Compostela (11), Teo (3), Vedra (1), e Vigo (1).
A
competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro
e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de
programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG
permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un
escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que
o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e
eficiente de algoritmos.
“A
OIG”, explica o CPEIG, “permitirá seleccionar a dous
representantes galegos para participarán na XXVII Olimpíada
Informática Española (OIE), que se celebrará do 24 ao 26 de marzo
de 2023 en Madrid, mentres que o resto de participantes mellor
clasificados na olimpíada galega tamén recibirán premios”. As
persoas gañadoras poderán acceder á Olimpíada Informática
Internacional, que se celebrará en agosto/setembro de 2023 en
Hungría.