A PS5 prepárase para poder funcionar a 1.440p
xoves, 28 de xullo do 2022
A PlayStation 5 está a recibir melloras paulatinamente,
adaptándose ás demandas dos usuarios, e a
última versión de proba do seu software de sistema inclúe unha novidade
especialmente interesante: o soporte da resolución de vídeo 1.440p.
Até o momento a PS5 podía pasar de Full HD (1.080p) a 4K (2.160p), sen contar
cunha resolución intermedia (1.440p), que curiosamente goza de grande popularidade
entre os gamers, que apostan por tal resolución en monitores para poder
gozar de animacións rápidas a unha resolución contida, conscientes de que as
súas máquinas non son capaces de conseguir altas taxas de refresco a
resolucións moi elevadas.
Coa activación da saída de vídeo por HDMI a 1.440p permítese empregar tal
resolución en xogos que a soporten nativamente, mentres que se non están
preparados, o sistema partirá da resolución 4K para facer unha mostraxe que
permita que as imaxes poidan verse con grande calidade a 1.440p.
A beta de sistema tamén inclúe outras novidades, como a posibilidade de crear
até 15 listaxes de até 100 xogos cada unha, facilitando así a organización das
coleccións de xogos; permite comparar o son estéreo e 3D dende unha mesma
pantalla (para facilitar a elección do tipo de son a usar); fai máis doado
atopar as actividades en curso dos xogos; incorpora a función de solicitar a
outro usuario que comparta a súa pantalla; e incluso incorpora o envío de
adhesivos e mensaxes de voz dende a fiestra dun grupo co que esteamos a
interactuar.