A RAGC achéganos os días 25 e 26 ás tecnoloxías que foron (e son) puntos de inflexión
martes, 17 de setembro do 2019
A
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza este mes de
setembro, os días 25 e 26, unhas xornadas directamente encamiñadas
a facer un repaso das tecnoloxías que están a marcar un antes e un
despois na liña de evolución científica, empresarial, social,
comercial ou cultural. Ou sexa, un repaso por algúns dos principais
recursos que cambiaron o rumbo da historia recente. O Ciclo
Avances en Ciencia e Tecnolóxica: TIC disruptivas, que chega á
súa edición 22, celebrarase no salón de actos da sede da
Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), no 54 da rúa do
Vilar en Santiago.
As
xornadas, que se levan a cabo en horario de tarde (a partir das 16.30
horas), teñen amais o obxectivo de “debater a situación actual de
Galicia no que se refire á formación de profesionais nestas
tecnoloxías, así como os atrancos cos que se vai atopar o noso
tecido produtivo para a súa implantación”.
Na
cita participarán investigadoras e investigadores galegos de
primeira liña, como por exemplo Richard Duro, do Centro de
Investigación TIC da UDC (CITIC), que presentará o seu relatorio
Robots Cognitivos; Marcos Curty, profesor titular da
Universidade de Vigo, que falará da Segunda revolución cuántica,
da computación á criptografía; ou Susana Reboreda Morillo,
profesora e investigadora da UVigo, quen abordará a cuestión de As
Humanidades Dixitais. O coordinador do ciclo é José Juan Pazos
Arias, académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias.
O
ciclo de conferencias, apoiado pola CEG e a Deputación da Coruña
(patrocinio), está destinado, en palabras da RAGC, a “un público
diversos, ben sexan estudantes de grao e doutorado ou investigadores
e profesionais de empresas e administracións públicas”. A
inscrición, que é de balde, pódese facer na ligazón específica
habilitada.