A RAGC e a Deputación da Coruña alíanse para analizar o impacto da IA na sociedade actual

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña organizan, ao longo desta semana, como vimos anunciando dende Código Cero dende mediados de outubro o Curso de Intelixencia Artificial: a electricidade do século XXI, que inclúe diversas actividades formativas coordinadas por Senén Barra e destinadas a analizar o impacto da IA na sociedade e a súa aplicación en diferentes ámbitos como o emprego, a industria, a saúde ou a educación. A presentación oficial deste curso celebrouse este luns 23 de outubro, en Santiago de Compostela. Participaron Alicia Estévez Toranzo, da Real Academia Galega de Ciencias, e Senén Barro Ameneiro, coordinador do curso e membro da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS. Tamén interveu o voceiro do Goberno provincial, Bernardo Fernández.
O curso celébrase este luns e martes (23 e 24 de outubro) na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela; o mércores trasládase ao Salón de actos do Campus de Ferrol, e o xoves realizará a súa xornada de clausura no Kiosco Alfonso de A Coruña.
A programación iniciouse este luns na sede de Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela, coa temática Do laboratorio á sociedade. Nesta primeira xornada abordáronse as orixes e a evolución da IA, cunha charla a cargo de Alberto Bugarín Diz, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e investigador do CiTIUS; a IA e o seu impacto na sociedade desde a perspectiva europea, a cargo de Isabelle Hupont Torres, oficial científica no Centro Común de Investigación a Comisión Europea; e a investigación dos mercados por parte das IAs, a cargo de Alejandro Ramos Soto, cofundador e director científico de InVerbis Analytics.
A xornada do martes, celebrada tamén na Sede de Confederación de Empresarios de Galicia, basearase na Intelixencia Artificial na nosa vida, e estará presentada por Alicia Estévez Toranzo, da Real Academia Galega de Ciencias, José Manuel Chao Ardao, de Plexus Tech e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS.
Abrirá o ciclo de exposicións Pablo Gamallo Otero, profesor titular da Área de Lingüística Xeral e investigador do CiTIUS-USC, falando das tecnoloxías lingüísticas e o Proxecto Nós. A continuación María José Carreira Nouche, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CiTIUS-USC explorará a intervención da IA no eido da saúde; e para rematar, Luis Alberto Otero González, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC, relatará a relación entre as tecnoloxías intelixentes e o emprego.
O mércores o Curso de Intelixencia Artificial trasládase á cidade de Ferrol para falar da Intelixencia Artificial nas organizacións. Estarán presentando a xornada Minia Manteiga Outeiro, da Real Academia Galega de Ciencias, María Jesús Movilla Fernández e Ana Isabel Ares Pernas, da Universidade da Coruña e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTius.
A primeira intervención correrá a cargo de Richard J. Duro Fernández, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, que falará de Os retos da robótica realmente intelixente. A segunda charla será impartida por Cristina Abada Salinas, directora de Negocio de Sistemas de Navantia e Pablo Fariñas Alvariño, director do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, que relatarán a aplicación da IA ao sector da construción naval. Rematará a xornada Francisco Javier Bellas Bouza, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, explicando a relación entre educación e a IA, así como tamén as súas aplicacións.
Por último, o xoves o curso trasládase á Coruña, co Kiosco Alfonso como sede. O tema da xornada serán as ferramentas intelixentes fiábeis e sustentábeis e estará presentada por José Ramón Cancelo de la Torre, da Real Academia Galega de Ciencias, Nereida M. Canosa Domínguez, do Concello da Coruña e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS.
Neste último día as exposicións comezarán con Verónica Bolón Canedo, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, discernindo a súa visión sobre a IA verde cara un futuro sustentábel. A continuación será a quenda para Luis de Salvador Carrasco, director da División de Innovación Tecnológica da Agencia Española de Protección de Datos, que falará da IA desde a perspectiva da regulación de protección de datos. A terceira das intervencións correrá a cargo de Carlos Francisco Ruíz de Toledo Rodríguez, da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, que comentará diferentes aspectos da Agencia Estatal de Supervisión de la IA (AESIA). Por último, pechará as intervencións Julián Cerviño Iglesias, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que expoñerá os diferentes pasos a seguir para regular a intelixencia artificial.
Ao remate de cada un dos días realizarase un debate de media hora, no que se poderán expoñer os diferentes puntos de vista e onde se poderán formular diferentes dúbidas sobre os temas a tratar.

PUBLICIDADE