A RAGC organiza un ciclo de conferencias sobre IA en Compostela, A Coruña e Ferrol
luns, 16 de outubro do 2023

- Senén Barro será un dos participantes no ciclo de conferencias da RAGC
A vindeira semana, do 23 ao 26 de outubro das 17 ás 20:30 horas, a
Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación
da Coruña, celebrará un ciclo de conferencias tituladas:
Intelixencia Artificial. A
electricidade do século XXI? As charlas poderán
seguirse vía streaming previa inscrición.
Indo ao ciclo en cuestión, dicir que está coordinado polo
catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial
(IA) Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular
de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de
Santiago (CiTIUS). Senén lembra que Andrew Ng (profesor na
Universidade de Stanford e un dos maiores expertos en aprendizaxe
automática) comentou que “do mesmo xeito que a electricidade
transformou case todo hai un século, hoxe en día fáiseme difícil
imaxinar unha industria que non sexa transformada pola IA nos
vindeiros anos”. “Neste sentido, considera a IA como a
electricidade do noso século. Aínda que esta é unha frase
esaxerada, non cabe dúbida de que vai camiño de ser unha das
tecnoloxías máis transformadoras da economía e da sociedade, senón
a que máis”, segundo Barro. Atendendo a esta transcendencia, Barro
di que cómpre abordar aspectos da IA como o estado da investigación
e o desenvolvemento no que se atopa; o impacto nalgúns dos temas que
nos resultan máis sensibles como a educación, a saúde ou o
emprego, neste caso claramente afectado pola automatización
intelixente; a transformación e innovación intelixentes na
industria; e a denominada IA fiable, pola que aposta a UE, e España
moi especialmente, como se puxo de manifesto recentemente coa
creación da Agencia Estatal de Supervisión de la IA (AESIA)”.
Todos estes temas trataranse nestas xornadas por parte dun grupo de
expertos, en particular investigadores, profesores, empresas e
institucións do eido galego, nacional e europeo.
O ciclo diríxese a todo o público interesado na Intelixencia
Artificial e no seu impacto social, económico, ético, laboral...,
sen necesidade de que sexa especialista neste eido. Buscarase ademais
a participación activa dos asistentes durante as diferentes sesións,
en particular durante o debate que pechará cada xornada.
As dúas primeiras sesións celebraranse os días 23 e 24 de outubro
en Santiago de Compostela, na sede da Confederación de Empresarios
de Galicia (Rúa do Vilar). O día 25 o ciclo trasladarase ao salón
de actos do Campus de Ferrol. E pecharase o 26 no Kiosko Alfonso da
Coruña.
O prazo de inscrición para participar de xeito gratuíto en todas as
conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto e
cómpre visitar o
formulario en liña habilitado para participar.

