A SCIE e a Fundación BBVA premian a Torusware e aos titulados da FIC Adrián Pérez e Daniel Valcarce

venres, 19 de novembro do 2021 S. P.

JPEG - 107.9 KB
Desde a esquerda, Adrián Pérez Diéguez, Juan Touriño Domínguez, Salvador Naya, Guillermo López Taboada e Daniel Valcarce Silva no acto de entrega dos premios

A SCIE (Sociedad Científica Informática de España) e a Fundación BBVA entregaron este 18 de novembro en Madrid os Premios de Investigación que promoven cada ano e que desta volta saldouse cunha celebración por partida dupla, xa que houbo que entregar os recoñecementos da edición do ano 2020, aprazada pola pandemia, e os deste ano en curso. Na edición de 2020, a SCIE e a Fundación BBVA recoñeceron á empresa galega Torusware, spin-off participada pola UDC e impulsada por investigadores do Centro de Investigación TIC, o CITIC.
Fixérono cun dos Premios Nacionais de Informática, o Premio Ramón Llull, que foi dar a Torusware “pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta pola I+D+i e polo seu impacto nacional e internacional”. Os profesores da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada son os promotores da empresa Torusware.
Software ultrarrápido
Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software de comunicacións ultrarrápido que permite acelerar aplicacións en contornas en que o rendemento é crítico, en especial nos eidos financeiros, de telecomunicacións e de enerxía. Torus é unha Empresa de Base Tecnolóxica, recoñecida como tal pola Universidade da Coruña en marzo de 2013. Está participada pola UDC e a Fundación Barrié, así como por investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, con sede no CITIC. É o resultado das investigacións levadas a cabo polos promotores no campo das comunicacións de altas prestacións, o estreito apoio da OTRI da UDC e o financiamento recibido pola Fundación Barrié a través do Fondo de Investimento Ciencia, mecanismo creado para axudar á posta en valor e comercialización de tecnoloxías xeradas nas universidades e centros de investigación galegos.
Segundo destacaron dende o xurado, Torus aposta firmemente pola I+D e a súa aplicación nos sectores máis competitivos, así como pola valorización comercial de tecnoloxías disruptivas mediante a súa transformación en produtos únicos. Torus está comprometida co progreso económico e social de Galicia, tendendo pontes entre o mundo académico e o empresarial, para o que colabora intensamente coa OTRI da Universidade da Coruña e o CITIC.
Máis premios
Ademais, na cerimonia deste 18 de novembro, á que asistiu o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, recibiron o seu galardón os titulados pola Facultade de Informática da UDC, Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva, distinguidos cos Premios Investigadores Novos.
Adrián Pérez Diéguez, responsábel de mercadotecnia dixital en Zara.com (Inditex), foi premiado “polas súas contribucións á computación de altas prestacións (HPC) que permiten procesar grandes volumes de datos (Big Data) mediante a adaptación de algoritmos para a súa execución en arquitecturas heteroxéneas”.
Pola súa banda, Daniel Valcarce Silva, enxeñeiro de software en Google, foi recoñecido “polas súas contribucións no eido da recuperación de información e os sistemas de recomendación, que se reflicten nas súas publicacións de primeiro nivel, e que o levaron a formar parte dun equipo internacional que traballa na mellora de asistentes persoais utilizando técnicas de linguaxe natural e aprendizaxe automática”.
O xurado desa edición estivo presidido por Antonio Bahamonde, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidad de Oviedo, e presidente da SCIE; e integrado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, e presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA); Rosa María Badía, líder do grupo Workflows and Distributed Computing do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación; Inmaculada García Fernández, catedrática de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores na Universidad de Málaga e presidenta da Sociedad de Arquitectura y Tecnología de Computadores (SARTECO); Manuel Hermenegildo, director científico do IMDEA Software Institute; Juan Hernández, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidad de Extremadura; Mario Piattini, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidad de Castilla La Mancha; Francisco Quiles, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da Universidad de Castilla-La Mancha; e Alicia Troncoso, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Escola Politécnica Superior da Universidad Pablo de Olavide.

PUBLICIDADE