A Tecnópole redobrará esforzos en dixitalización, sustentabilidade e igualdade

venres, 14 de xullo do 2023 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) presentou o seu Plan Estratéxico 2022-2025. Ao evento, celebrado este venres 14 de xullo, asistiu a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e vicepresidenta do Parque, Patricia Argerey, quen enxalzou a capacidade demostrada da Tecnópole, nas súas tres décadas de vida, para “atraer proxectos de emprendemento e apoiar empresas innovadoras” así como “no desenvolvemento dun amplo labor de divulgación científica e fomento das vocacións científicas entre a infancia e a mocidade”.
De cara ao futuro, Argerey subliñou a relevancia de proxectos como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estará operativo a mediados de 2025, ou a primeira comunidade enerxética galega, e anunciou “un Parque máis sustentábel e dixitalizado, máis aberto á cidadanía, máis atractivo para o talento e máis comprometido coa igualdade ao final deste lustro e, polo tanto, que xere máis valor para a economía e a sociedade”.
O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou o Plan, que se vertebra en cinco eixes: a ocupación do espazo dispoñíbel, o desenvolvemento empresarial, o fomento da innovación, a sustentatibilidade, xunto á formación e a comunicación.
Estratexia de ocupación do espazo: para novas empresas e para ampliar as actuais
Respecto á ocupación do espazo dispoñíbel, búscase “non ter edificios sen uso, reactivar a venda de parcelas, así como contar con novas instalacións para acoller empresas debido á plena ocupación actual”. Nesta liña, avanzarase na recuperación do edificio de incubación da extinta Cámara de Comercio de Ourense. Ademais, proxectaranse novos espazos para permitir o crecemento de empresas medianas, mediante módulos de 500 m2 en alugueiro, interconectados e con servizos comúns. Outra das propostas é a creación dunha carpa para eventos en madeira, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal – XERA.
Estratexia de desenvolvemento empresarial: impulso de proxectos innovadores
O director de Tecnópole incidiu en que o futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se vai instalar no Parque “contribuirá ao fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, na cidadanía e nas empresas, ao tempo que se favorecerá o desenvolvemento de talento especializado neste eido”. O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, albergará espazos de monitoraxe e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas. Prevese que estea operativo a mediados de 2025.
No marco da estratexia de desenvolvemento empresarial, o Parque dispón dun espazo destinado a impulsar ideas de negocio viábeis, no que se axuda aos emprendedores a validar o seu modelo de negocio, así como a desenvolver as habilidades para poñelo en marcha. Ademais, Tecnópole colabora co Programa INCUVI da UVigo para acoller proxectos de emprendemento universitario. E, xunto ao IGAPE e AJE Ourense creouse o primeiro Polígono Virtual de Galicia, con sede en Tecnópole, que permitirá ofertar servizos de alto valor engadido no eido da dixitalización ata a 300 beneficiarios.
Por outro lado, está en marcha a segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza, resultado da colaboración entre a GAIN, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia. Un total de 60 empresas de toda a comunidade xa se beneficiaron ou se están a beneficiar deste programa nas súas dúas convocatorias.
Estratexia de sustentabilidade
En relación á sustentabilidade, vaise crear no Parque a primeira comunidade enerxética empresarial galega, coordinada polo Instituto Enerxético de Galicia. Ademais de reducir o consumo, dotarase de maior competitividade ás empresas.
O director da Tecnópole engadiu que se está a traballar tamén no desenvolvemento dun plan de mobilidade sustentabilidade. Nesta liña, xa se puxo en marcha un novo servizo de carsharing (vehículo de alugueiro por minutos), froito dun convenio entre o Concello e o Polígono de San Cibrao. Trátase de vehículos híbridos cuxa reserva e xestión de uso se realiza a través da aplicación Mobify, un servizo que busca facilitar os desprazamentos dos empresarios e empresarias de Tecnópole dun xeito económico e eficiente.
Estratexia de innovación: apoio á transferencia de tecnoloxía
No campo da eido a Tecnópole está aliñada coa Estratexia RIS3 de Galicia. Así mesmo, vaise crear un consello asesor do Parque que permitirá reforzar os vínculos coas tres universidades galegas, co fin de poder apoiar a transferencia tecnolóxica ás empresas e a creación de iniciativas empresariais que xorden na contorna universitaria. E porase en marcha un servizo de diagnósticos de innovación para as empresas residentes.
Estratexia de formación e comunicación
O Parque aglutinou baixo a marca Tecnópole Divulga todas as súas actividades de divulgación científica e tecnolóxica dirixidas ás futuras xeracións: a feira científica Galiciencia, que este ano celebrou a súa 18ª edición con 1.845 participantes presenciais e dedicará a de 2024 á madeira; a Aula Newton, en colaboración coa multinacional Boeing e a organización norueguesa First Scandinavia, para introducir ao alumnado galego no eido aeroespacial; as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2W; xunto á participación no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, en colaboración coa Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España -APTE-.
En liña cos obxectivos do Plan Estratéxico, esta mañá presentouse a nova imaxe corporativa e a nova web do Parque, dispoñíbel en tecnopole.gal con máis recursos para as empresas actuais e futuras.
O futuro de Tecnópole
No transcurso do acto celebrouse unha mesa redonda sobre O futuro de Tecnópole, na que participaron varios representantes empresariais do Parque: Lucía Novelle, directora executiva da firma de investigación xeotérmica Ingeo; Ricardo Escolano, director executivo da aeronáutica Coasa; Esther Merlo, directora de Madera Plus; e José Luis Prieto, director de Operacións e Calidade do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), con sede en Tecnópole. Puxeron de manifesto a súa satisfacción polos novos proxectos que o Parque ten en marcha e amosaron a súa confianza en que as iniciativas propostas no Plan Estratéxico “contribúan a facer máis grande a comunidade de talento e innovación que representa Tecnópole”.

PUBLICIDADE