A UDC acollerá en novembro as III xornadas sobre nesgos de xénero, igualdade e IA
mércores, 30 de outubro do 2024
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña será a sede das III Xornadas de Nesgos de Xénero e Oportunidades para a Igualdade, unha iniciativa que busca abordar o impacto da Intelixencia Artificial nos nesgos de xénero e explorar oportunidades para promover a igualdade no ámbito tecnolóxico. Este evento, programado para os días 6 e 7 de novembro, contará coa participación de especialistas nacionais e internacionais que compartirán a súa visión sobre a importancia da diversidade en equipos de IA e o papel das políticas reguladoras neste ámbito.
As xornadas comezarán o mércores, 6 de novembro, co acto inaugural ás 09.30h, seguido ás 10.00h pola conferencia Que nesgos importan? Envenenando conxunto de datos para clasificación de imaxes, impartida por Iris Domínguez, investigadora da Universidade Pública de Navarra. A continuación, Naira Bellio, membro de AlgorithmWatch, ofrecerá a charla Algoritmos ingobernables ou como investigar caixas negras. Ás 12.30h será a mesa redonda Diversidade e tecnoloxía. Por que a IA necesita equipos inclusivos?, con Belén Valle Cao (NTTData) e Natalia Monje (Ecos do Sur). Pola tarde, desenvolverase un obradoiro colaborativo de Galipedia.
O xoves, 7 de novembro, as actividades comezarán ás 10.00h coa conferencia Píxeles, datos e neuronas, a cargo de Alba Meijide, experta en Intelixencia Artificial, seguida de Regulación da IA: desde a AI Act a outras regulacións internacionais, relatorio impartido por Belén Arribas, representante de ENATIC, IFCLA e o European Data Protection Board. Para pechar a xornada, ás 12:30h, celebrarase a sesión O papel da Administración na era da IA, con Javier Torres Gella (Secretaría Xeral da AESIA) e Bertha Guijarro, investigadora do CITIC da UDC.
Estas xornadas permitirán reflexionar sobre os nesgos presentes nos sistemas de IA e promover o diálogo sobre a necesidade de equipos de desenvolvemento inclusivos que representen a diversidade da sociedade. Ademais, trataranse as políticas de regulación actuais e o papel das administracións públicas na supervisión e control de aplicacións de IA.