A UDC comeza o seu programa especial de teleformación con dous cursos de Carlos Escudero

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As nosas universidades, ante a necesidade de adaptar a súa actividade e a da comunidade educativa á nova situación derivada das medidas para frear o avance do COVID-19, están a apostar de cheo polas contornas virtuais aplicadas á docencia e, tamén, á actividade laboral do seu persoal de administración. A Universidade da Coruña anunciou hoxe sesións virtuais de teleformación para alumnado e profesorado e teletraballo para o seu persoal.
Estas sesións e os seus detalles (tema, data, hora, quen imparte) serán comunicados a través do apartado específico de teleformación da UDC. Este luns pola mañá estaban programadas dúas sesións co profesor da UDC (Factultade de Informática) e investigador do CITIC, Carlos Escudero. Trátase, por unha banda, dunha actividade formativa sobre ferramentas de traballo para persoal administrativo (a partir das 10.00 horas) e, pola outra, doutra actividade sobre recursos de aprendizaxe a distancia para profesorado e alumnos, a partir das 12.00 horas. Segundo fai saber a Universidade da Coruña, durante as sesións poderanse facer preguntas usando o chat asociado ao evento en directo. Ao remate das xeiras docentes o vídeo resultado estará visíbel na canle de teleformación da Universidade.

PUBLICIDADE