A UDC definirá os contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para centros de FP e toda Europa
xoves, 10 de novembro do 2022- Foto de arquivo da intervención do alumnado e profesorado do CPI A Xunqueira de Fene, na presentación de resultados do proxecto AI+ o 22 de xuño deste ano no Campus de Ferrol
Un
grupo internacional de investigadores, coordinado polo catedrático
da Universidade da Coruña Fran
Bellas, experto en Robótica e Intelixencia Artificial (IA) e
investigador do CITIC, desenvolverá os contidos para unha materia de
IA para implantar nos centros de Formación Profesional de toda
Europa. O proxecto Artificial Intelligence learning modules to
adapt VET to the digital transformation of the labour market
(AIM@VET), avalado polo Servizo Español para a
Internacionalización da Educación (SEPIE), vén de obter unha axuda
do Programa Erasmus + da Unión Europea de 400.000 euros.
Ao
longo dos próximos tres anos, o membro do Grupo de Investigación
Integrado de Enxeñaría, Fran Bellas, coordinará un equipo de
investigadores da Universidade de Liubliana, Eslovenia; da
Universidade do Minho, Portugal, e da propia UDC que traballará
conxuntamente con alumnado dos centros de Formación Profesional de
Solski Center Velenje, Eslovenia; da Escola Secundária de Caldas das
Taipas, Guimarães, Portugal; e do Centro Integrado de Formación
Profesional Rodolfo Ucha, de Ferrol.
Os
investigadores realizarán os contidos dunha materia para dous cursos
lectivos, así como desenvolverán o material necesario, logo de
probar as propostas co alumnado dos centros de FP colaboradores dos
tres países.
Segundo
informou a UDC, esta iniciativa “pretende adaptar a educación e a
Formación Profesional ás necesidades do mercado laboral”, ao
tempo que se afrontan os principais desafíos de transformación da
FP, con vistas a un intre, o ano 2030, en que se estima que arredor
do 70% das empresas teñan incorporada a Intelixencia Artificial nos
seus procesos comerciais. O proxecto que lidera a UDC está centrado
en tres áreas clave, a visión por computador, a robótica e a
intelixencia ambiental. O coñecemento nestas destrezas abrirá ao
alumnado de FP novas oportunidades no mercado laboral en sectores
como a industria 5.0; contornas smart; vehículos autónomos e
outros.
Este
proxecto é continuación do xa realizado para desenvolver os
contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para Secundaria e
Bacharelato para centros educativos de Europa. O proxecto europeo de
innovación educativa AI+: Developing an Artificial Intelligence
Curriculum adapted to European High School, coordinado tamén
polo profesor Fran Bellas, desenvolveuse de 2019 a 2022, cando se
presentaron os resultados nun acto no Campus Industrial de Ferrol.
Acadou, así mesmo, financiamento do programa Erasmus + da Unión
Europea.
Este
proxecto contou coa colaboración de seis centros de ensino
secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz
(Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras
(Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski
center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia)
e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
Os
investigadores deseñaron 16 unidades didácticas nas que o alumnado
participante debía afondar no eido das aplicacións para
smartphones, da robótica autónoma e da Intelixencia
Artificial Colectiva. Botando man do propio smartphone do alumnado e
do robot educativo Robobo, o profesorado dos centros colaboradores
impartiu estas unidades didácticas como actividade extracurricular
ou integrada como parte de materias de tecnoloxía xa existentes.